Cinema

Luís Zahera e Costa-Gavras non asistirán finalmente ao Cineuropa

Unha indisposición e unha intervención cirúrxica, respectivamente, impedirán ao actor compostelán e o director grego acudir ao festival de cinema.
Luís Zahera posa co seu Goya por 'As bestas' desde o Pazo de Raxoi de Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Luís Zahera posa co seu Goya por 'As bestas' desde o Pazo de Raxoi de Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Unha indisposición impedirá ao actor compostelán Luís Zahera acudir á 37ª edición do Festival Cineuropa, motivo polo que a organización decidiu pospor para a edición do vindeiro ano a homenaxe e a entrega do Premio Cineuropa ao intérprete. A pesar disto, informan nun comunicado, mantense a proxección do filme O Reino, prevista para a tarde do 15 de novembro, polo que as persoas que conten cunha invitación poderán visionar a película coa que Zahera, ás ordes de Rodrigo Sorogoyen, logrou o seu primeiro Goya.

Por outra parte, unha intervención cirúrxica menor non prevista impedirá tamén ao cineasta grego Konstantinos Gavras, mais coñecido como Costa-Gavras, viaxar a Santiago para presidir a mesa de conmemoración do centenario do nacemento de Jorge Semprún. O director trasladou ao equipo do festival a súa "fonda tristeza" por non poder participar neste acto de homenaxe a quen foi "amigo e compañeiro esencial na viaxe creativa".

Finalmente será Carmen Claudín, outra das personalidades máis próximas biográfica e politicamente a Semprún, quen presidirá a mesa de debate e conmemoración do centenario do seu nacemento, que se desenvolverá o vindeiro sábado 18 de novembro no CGAC.

Alén dunha das protagonistas e testemuña principais de As dúas memorias, a única película dirixida polo escritor, guionista e político, Carmen Claudín acompañou o seu pai Fernando Claudín e mais o propio Jorge Semprún na expulsión do Partido Comunista Español en 1964. Claudín é investigadora sénior asociada do CIDOB (Barcelona Centre for International Affairs), do que foi directora de investigación e directora adxunta durante varios anos.

A mesa de debate sobre a figura vital, política e creativa de Jorge Semprún, como escritor de máis de 20 novelas e 14 guións de cinema, dous deles candidatos ao Óscar, completarase coa presenza do historiador e escritor cinematográfico José Manuel Sande e do director de Cineuropa, José Luis Losa.

Comentarios