Contracultura

Lorena Conde: "A peste é a decadencia dos corpos, mais tamén vivimos nunha sociedade en decadencia"

Lorena Conde (Pontesampaio, Pontevedra, 1980) vén de publicar 'Festas de gardar' (Cuarto de inverno), que contén dúas pezas teatrais, "Afterparty" e "Do pracer e da morte", representadas na compañía A Feroz.
Lorena Conde é licenciada en Filoloxía Hispánica e especialista en Arte Dramática. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lorena Conde é licenciada en Filoloxía Hispánica e especialista en Arte Dramática. (Foto: Nós Diario)

—Por que xuntar estes dous textos nunha publicación?
En parte, polo interese que ten Cuarto de inverno en publicar textos diferentes, que me parece unha aposta moi forte, xa que o número de libros que publican cada ano é moi limitado, e aínda así edita teatro. E logo porque encaixan moi ben. Ambos escribíronse para a escena directamente, aínda que "Afterparty" foi escrita a medida que se ía ensaiando e "Do pracer e da morte" xa tivo un proceso máis pausado e, ademais, na distancia, porque eu daquela non estaba en Santiago. O caso é que hai unha frase en "Afterparty" que se puxo sobre a mesa cando empezabamos a traballar no que ía ser "Do pracer e da morte", que daquela non tiña nin título.

Estabamos pensando que queríamos facer despois dese primeiro espectáculo, aínda que logo, por cousas da vida, saíu antes Santa Inés, mais Inés Salgado propuxo traballar sobre esa frase: “O pracer e a morte teñen en común o abandono”, que era unha cousa entre misteriosa e filosófica. Logo cruzouse polo medio o Decamerón, moito antes de 2020, e xusto cando chegou a pandemia estabamos traballando sobre o prólogo, que conta exactamente como foi a pandemia de peste negra en Florencia no século XIV e era exactamente o que estabamos vivindo. Era un resumo, séculos antes, do que nos estaba sucedendo a nós nesta década. Foi moi sorprendente.

—Por que traballaban nese tema?
Ao final a peste, alén de ser unha cuestión física, acaba por ter tamén un ambiente moral, político e social que é repetíbel en calquera momento de decadencia. A peste é a decadencia dos corpos, mais realmente nós vivimos nunha sociedade que leva en decadencia bastante tempo. Ninguén esperaba unha enfermidade real, mais a enfermidade moral e espiritual xa a levabamos vivindo un tempo.

Festas de gardar tamén recolle a creación destes textos para A Feroz. Como vive ese proceso?
Adáptome bastante ben ás circunstancias. Se teño tempo para escribir e ir con calma, poñendo as cousas a proba, vaime ben. Se hai que escribilo mentres se está a montar, tamén. Creo que cada proceso pon moito de si no espectáculo. No caso de "Afterparty", por exemplo, si que se foi facendo en escena, mais tamén porque nós tardamos dous anos en montar ese espectáculo. Falaba de como se nos prometía o futuro na infancia e na adolescencia e o diferente que era dese futuro que no momento de estar montando o espectáculo xa era presente para nós.

Foi moito de pór da nosa vida e foi un proceso lento, pero foi interesantísimo. Eu creo que aprendemos moitísimo. No que respecta a "Do pracer e da morte" para min tamén foi moi interesante ter a oportunidade de escribir sen estar influenciada polo que estaba pasando na sala de ensaio. Como dicía antes, foron dous procesos moi diferentes, mais que me enriqueceron moito.

—Ademais de adaptación, tamén hai un pouco de risco, non?
Claro. Nós empezamos cunha expectativa kamikaze. Cando decidimos facer a compañía foi porque nos entendiamos ben traballando e tiñamos intereses comúns que eran moi importantes para cada unha de nós. Tiñamos claro que queríamos facer un espectáculo, pero nada máis. Non sabiamos se a compañía ía acabar morrendo despois del ou inclusive durante. E seguimos sen pensar tanto nas expectativas como nese proceso de traballo que é como un aporte vital a nós mesmas que se completa con poder ensinar ao mundo o que estivemos facendo ultimamente. Temos a satisfacción de que a xente conecta moito coas cousas que contamos, supoño que é porque falamos con honestidade.

Creo que se nota moito cando unha realmente ten intención de preguntarse máis que de dar resposta a esas cousas: como é estar viva, por que facemos as cousas que facemos, como nos relacionamos coas demais persoas, que relación temos co poder... Preguntámonos constantemente, mais non pretendemos dar respostas.

Comentarios