Lontreira, o grupo galego que se prepara para ir a Eurovisión

O trío foi seleccionado entre os 100 candidatos preferidos polos fans para Eurovisión 2024

O trío galego Lontreira. (Foto: DITOEFEITO)
photo_camera O trío galego Lontreira. (Foto: DITOEFEITO)

O grupo galego Lontreira foi seleccionado para estar no 'Top 100' da lista 'A Elección Interna', onde os e as fans elixen as súas candidaturas ideais para representar o Estado español en Eurovisión 2024, e confirma que xa prepara unha canción en galego para presentarse ao Benidorm Fest (a gala na que xurado e pública escollen o representante español no festival da música).

Este nomeamento, confeccionado pola afección do festival, é a mesma que obtivo o conxunto Tanxugueiras en 2021, que finalmente si decidiu enviar a canción 'Terra', coa que quedou terceiro para ser o abandeirado de TVE no certame europeo.

O trío Lontreira recoñeceu estar moi ilusionado por entrar nesta selección dos fans e comentaron que xa están a traballar nunha canción que presentarán ao Benidorm Fest.

"Eu son moi fan de Eurovisión desde neno e poder estar no Benidorm Fest ou en Eurovisión é un dos meus soños", expresou o tecladista, Rotce.

Na mesma liña, o grupo musical adianta que o tema para o evento será cantado en galego e buscarán que "represente esa mestura entre tradición e modernidade, entre músicas de raíz e electrónica".

"En canto ao proceso de 'A Elección Interna', desde luns e até as 20.00 horas do domingo 27 están abertas as votacións para elixir os 24 candidatos deste Top 100 que pasarán á semifinal", engadiu a banda galega. Desde a organización, lembraron que "para poder votar é necesario rexistrarse na web do evento eurovision-spain.com".

'A Elección Interna'

En agosto de 2021, as galegas Tanxugueiras gañaron 'A Elección Interna' e, seis meses despois, estaban a competir no Benidorm Fest.

Por este motivo, 'A Elección Interna' foi o paso previo para que as artistas galegas decidisen presentar un tema para competir por representar o Estado español en Eurovisión 2022.

Nesta primeira selección de 100 para o próximo ano, incluíron cunha "notábel e destacábel cantidade de eloxios" a Lontreira, o trío galego formado por Rotce (bases e teclado), Adri Coyote (voz) e Iván Barral (guitarra).

Comentarios