Tanxugueiras, as favoritas das 'eurofans' de todo o continente

Unha enquisa realizada a nivel europeo dá ás galegas 48% de opcións de gañar en Benidorm; porén, as casas de apostas sitúanas terceiras. Aliás, unha campaña de apoio á súa candidatura leva xa perto de 10.000 sinaturas recollidas nun só día.
Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro o trío que conforman as Tanxugueiras (Foto: Rocío Cibes).
photo_camera Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro o trío que conforman as Tanxugueiras (Foto: Rocío Cibes).

A poucos máis de 24 horas de actuaren na final do Festival de Benidorm, as enquisas seguen a situar as Tanxugueiras entre as grandes favoritas. O portal especializado no certame Eurovision World vén de publicar unha sondaxe, na que participaron máis de 26.000 persoas de todo o continente europeo, que eleva as galegas á primeira posición con 48% dos votos, cunha ampla vantaxe sobre a seguinte mellor valorada, Rigoberta Bandini, con 17%, e Chanel, con 11%.

Porén, as casas de apostas de Europa, quizais vaticinando xa o resultado da final deste sábado, teñen unha visión distinta: dan 37% de posibilidades de gañar a Rigoberta Bandini, en comparanza con 27% de Chanel e 14% para Tanxugueiras.

Antes de que decorrese a primeira semifinal do certame, na que competiron as Tanxugueiras e recibiron a segunda menor puntuación por parte do xurado profesional, as casas de apostas deixábanas no segundo posto con 26% de opcións, fronte a 31% de Rigoberta Bandini.

Cómpre salientar, aliás, que unha petición aberta hai un día na plataforma Change.org leva xa recadadas case 10.000 sinaturas para reclamar que as Tanxugueiras sexan as representantes do Estado español en Benidorm.

Apoio desde Asturies

Por outra parte, o director xeral de Política Llingüística do Gobierno asturiano, Antón García, afirmou esta sexta feira que desde la Consellaría de Cultura confían en que Tanxugueiras obteña o "mellor resultado" con 'Terra'.

A canción inclúe unha referencia á lingua asturiana coa frase "nun hai fronteres", que repiten tamén en galego, català e euskera.Por iso, en declaraciones a Europa Press, García explicou que en decembro trasladou por carta ás compoñentes do grupo o "agradecemento" do seu departamento polo "xesto" de integrar o seu idioma no tema.

"Hai que recoñecer o seu compromiso lingüístico e cultural, logrando singularizarse nun mundo como o da música, cada vez máis globalizado, sen teren que renunciar á súa identidad", sostivo, ao tempo que confiou en que gañen en Benidorm "coa súa composición, exemplo da pluralidade lingüística do Estado, e de respecto á tradición e irmandade entre culturas".

Comentarios