Localizan varias torres na muralla de Castro Valente, Padrón

Logo dunha semana de traballo de Castelos no aire no xacemento do Castro Valente (Padrón), as responsábeis da iniciativa móstranse satisfeitas, se ben consideran que fica aínda moito traballo por facer coa información obtida. "Non se coñecen moitos recintos amurallados con torres con tanta antigüidade, o máis 'próximo' sería a muralla de Lugo", di Mario Fernández-Pereiro.
Escavación en Castro Valente (Padrón).
photo_camera Escavación en Castro Valente, no municipio de Padrón. (Foto: Nós Diario)

Logo dunha semana de traballo de campo do grupo de arqueólogas do proxecto Castelos no aire no xacemento do Castro Valente, no concello de Padrón, do que Nós Diario daba conta a pasada terza feira, as responsábeis da iniciativa móstranse satisfeitas.

Durante a campaña realizáronse tres sondaxes situadas na zona noroeste do xacemento. Nunha delas, situada no interior do recinto, localizouse un muro en moi mal estado de conservación, pertencente a unha estrutura de funcionalidade indeterminada.

"Non podemos definir polo momento moito máis esta estrutura, sería necesario ampliar a zona escavada no futuro", comenta Jose Carlos Sánchez-Pardo, co director da intervención.

"Temos documentación de finais do século XIX e comezos do XX que falan da existencia de máis dunha trintena de torreóns cuadrangulares e semicirculares", explica Fernández-Pereiro

As outras dúas sondaxes foron na muralla do Castro Valente. "Falando coa xente da contorna, confirmaron que o topónimo do Castro Valente é a 'Serca' [Cerca], e isto vén porque a muralla é espectacular", comenta Mario Fernández-Pereiro, o outo responsábel. As sondaxes deixaron á vista un tramo de dous metros do lenzo, tanto da cara interior como da exterior, e un esquinal dunha torre.

"Temos documentación de finais do século XIX e comezos do XX que falan da existencia de máis dunha trintena de torreóns cuadrangulares e semicirculares", explica Fernández-Pereiro, "nesta intervención escavamos parcialmente unha torre cuadrangular e localizamos outras cinco".

Isto é unha novidade, pois "non se coñecen moitos recintos amurallados con torres con tanta antigüidade, o máis 'próximo' sería a muralla de Lugo".

Rematada a fase de traballo de campo, comeza outra a de procesar e ordenar toda a información recollida. Con todo, mañá o equipo fará no auditorio de Padrón unha presentación preliminar dos resultados da campaña.

Comentarios