martes 07.07.2020
Cultura

Escavar o enigma do castelo de Portomeiro, no Val do Dubra

Unha campaña procura ampliar os datos sobre o xacemento
Muralla do castelo de Portomeiro
Muralla do castelo de Portomeiro

Na zona occidental da Galiza atopamos nos cumios máis altos unha serie de fortalezas que chaman a  atención, senón das observadoras, tamén das expertas na materia. Malia seren coñecidas, os datos arqueolóxicos sobre a súa orixe son escasos. Aínda que poidan parecelo, estes complexos non son castros prehistóricos, mais tampouco castelos medievais ou fortificacións propias do exército romano. Cal é daquela o enigma da súa orixe?

Investigadoras do grupo Síncrisis da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, dirixidos por Mario Fernández-Pereiro e José Carlos Sánchez-Pardo colaboran coa empresa Tempos Arqueólogos na realización dunha campaña de escavación nun destes misteriosos xacementos: o castelo de Portomeiro (Val do Dubra). A intervención pretende xustamente ampliar os datos existentes sobre ese punto concreto, que pola súa tipoloxía entronca co arcano desas fortalezas.

Entre o castro e o castelo

A orixe desta fortificación, a medio camiño entre o castelo e o castro, remontaríase, segundo a teoría que manexa o grupo arqueolóxico, ao declive do Imperio Romano e á aparición dos primeiros reinos xermánicos na Galiza. "Son elementos de protección da sociedade", explica Fernández-Pereiro a Nós Diario desde a escavación, que xorden nese momento de debilitación dun "estado forte" como era o romano naquela altura.

"Son elementos de protección da sociedade", explica Fernández-Pereiro, que xorden nese momento de debilitación dun "estado forte" como era o romano naquela altura

Estas etapas históricas, pouco estudadas, resultan especialmente conflitivas pola existencia de "interregnos", espazos entre a consolidación de poderes rexios. O baleiro de poder xerado por esta crise solucionaríase con estes núcleos locais como unha forma de "controlar o territorio e a poboación". Ao mesmo tempo, tamén se atopan indicios de que foron centros de produción de vidro ou metal.

Funcionan, neste senso, de maneira análoga ao que a historiografía rexistra noutros lugares da península Ibérica, así como en determinadas rexións de Europa, por exemplo, o sur da Galia ou o norte de Italia. Mais estes xacementos tamén acusan bastante descoñecemento. Os estudos iniciáronse desde hai uns 15 ou 20 anos.

A intervención englóbase, xa que logo, dentro dunha investigación máis ampla centrada na transición nese período final do Imperio Romano e de creación do reino Suevo. "Unha época descoñecida", afirma Sánchez-Pardo, na que "se colocaron os alicerces da evolución social, política e económica deste territorio durante a Idade Media até os nosos días".

A tese de doutoramento de Fernández-Pereiro centrouse xustamente nestas fortificacións ao redor da chamada Depresión Meridiana, a falla xeolóxica que fractura o occidente da Galiza entre Tui e Carballo. O estudo recoñeceu dúas zonas principais, o val da Louriña, entre Tui e Redondela, e o val da Maía, entre Padrón e Compostela. Só neste último identificáronse a través da documentación, a bibliografía e a prospección 12 sitios arqueolóxicos con estas características.

Traballos previos

O mesmo equipo que se atopa neste momento sobre o terreo xa traballou no xacemento do Faro de Budiño (O Porriño) no ano 2018, con resultados moi positivos. "Conseguimos documentar dúas fases diferenciadas de ocupación e novos datos sobre a produción cerámica altomedieval galega", comenta Fernández-Pereiro. Recuperáronse desta última pezas case enteiras, pouco complexas tecnicamente e sen adobíos, polo que resultaban difíciles de datar. E desta volta agardan lograr algo semellante.

Xacemento en risco

Para alén da investigación, a intervención busca pór o foco na situación de maltrato dos restos, por mor da proximidade da mina Esmeralda, do grupo de Villar Mir. A pesar de que a canteira está aparentemente abandonada, segundo descubriron as investigadoras nos últimos días, a empresa ten intención de volvela pór en funcionamento. Ademais, o castelo atópase rodeado por plantacións de eucalipto que xa sufriron varios incendios, o máis grave en outubro de 2017.

Para alén da investigación, a intervención busca pór o foco na situación de maltrato dos restos, por mor da proximidade da mina Esmeralda, do grupo de Villar Mir

A comezos do ano pasado, o concello de Val do Dubra mostrou interese en adquirir a parcela onde se localizan os restos máis visíbeis, pero co cambio de executiva o proceso quedou paralizado. Aínda que o novo alcalde tamén se mostrou favorábel a continuar co proxecto, non se materializou de momento, se ben facilitou ao tempo unha pequena brigada para despexar a capa vexetal.

A dous días de rematar a campaña, xa conseguiron bastantes progresos. O máis destacábel é o achado, na porta que se atopaba entre derrubamentos, de dúas pedras e unha soleira tallada, así como do que presumen que serían restos metálicos para tapar a porta. Noutra das estancias están chegando a niveis de ocupación.

Tamén divulgación

A etapa de escavación "breve pero intensa", en palabras de Mario Fernández-Pereiro, concluirá mañá, día no que as arqueólogas organizarán unha visita guiada ao xacemento. Para conseguir manter as medidas de seguridade por mor da emerxencia sanitaria, será preciso inscribirse con anterioridade. Esta dimensión divulgativa que pon o feche á intervención estivo presente durante toda a semana de traballo, pois desde a páxina de Facebook Castelo de Portomeiro partillaron os seus avances. 

comentarios