sábado 29/01/22
Alertan sobre a vulnerabilidade do sector

Actrices e actores esixen á Xunta un plan de rescate

A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) reclama á Xunta da Galiza que poña en marcha un plan de rescate para o sector cultural á vista da parálise que supón a restrición da actividade non esencial.
ocharcodeulises
'O charco de Ulises', do CDG, estreouse o pasado 14 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), de carácter sindical e que reúne máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, fai público este chamamento "urxente" e solicita, tamén, axudas directas para os traballadores e traballadoras que representa.

“A evolución da pandemia e as medidas restritivas sanitarias lévannos a un punto no que se fai inviábel a actividade escénica”, explican desde a AAAG, que tamén comentan que esta situación “imposibilita as opcións das profesionais dos espectáculos ao vivo de gañar o seu sustento”.

Por iso reclaman que a Consellaría de Cultura e mais a de Emprego e Igualdade traballen conxuntamente nun plan específico para o sector.

Desde a Asociación destacan no seu comunicado que “cómpre lembrar que esta nova parálise chega tras xa case un ano de suspensións, adiamentos e incertezas”.

E o feito é que, tendo en conta só aquelas funcións que se contratan a través da Rede Galescena, que xestiona a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) achegándolle aos teatros e auditorios parte do caché das compañías e grupos, nestas próximas tres semanas vanse ver canceladas ou adiadas máis dunha trintena de funcións.

Neste senso, a AAAG engade que “falamos dun  grupo de traballadoras cunha serie de particularidades que as converten nun segmento de gran vulnerabilidade laboral por mor da estacionalidade, da intermitencia e da singularidade na contratación por días de funcións e gravacións”.

Unha serie de peculiaridades que dificultan o acceso destas persoas traballadoras ás prestacións habituais, “que penalizan a precariedade”, din desde a asociación sindical. 

Até o de agora, a Xunta centrou a súa intervención fronte a crise xerada pola Covid-19 nun Plan de reactivación dirixido ás empresas e “obviou por completo a posibilidade de lle dar cobertura e protección a persoal traballador do sector”. 

Ademais, o proxecto centrábase na exhibición e distribución, "ignorando os adiamentos e as suspensións polos gromos que se foron sucedendo desde o mes de agosto até a nova parálise da actividade”, recalcan. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Actrices e actores esixen á Xunta un plan de rescate
comentarios