martes 31.03.2020
Cultura

"Isto é un escándalo, Pereira!": Volve 'Pratos Combinados' á TVG

'Pratos Combinados' foi a primeira comedia de situación desenvolvida integramente por profesionais da Galiza e cun elenco composto na súa totalidade por actrices e actores galegos. 
Fotograma da serie Pratos Combinados (CRTVG).
Fotograma da serie Pratos Combinados (CRTVG).

A Televisión de Galicia recupera a serie Pratos Combinados, "unha das ficcións máis míticas e a máis seguida da súa historia que tan bos momentos fixo e seguirá facendo pasar á audiencia", como aseguran nun comunicado. 

A partir da vindeira terza feira a televisión pública do país vai repoñer todos os episodios coas aventuras e desventuras que teñen lugar no Bar Suízo en horario de máxima audiencia, no "prime time" da noite. 

Emitida entre 1995 e 2006, Pratos Combinados foi a primeira comedia de situación desenvolvida integramente por profesionais da Galiza e cun elenco composto na súa totalidade por actrices e actores galegos.

"Creada e dirixida por Xosé Cermeño, ao longo dos seus preto de 300 capítulos, pasaron pola serie actores tan recoñecidos como os finados Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’Mabel RiveraAntonio Durán ‘Morris’, Sergio Pazos, Cristina Castaño, María Castro, Josito Porto, Manuel Millán, María Bouzas, Eva Fernández e Fely Manzano, entre outros", lembran.

A CRTVG sinala que é consciente de que neste momento de confinamento, "o entretemento é unha parte fundamental deste servizo público, como así o é, obviamente, a información". E salienta que "aumentou a programación infantil e de formación na casa para os máis cativos e está a recuperar momentos históricos do deporte galego". 

comentarios