CONTRACULTURA

Laura Solla, a galega que toca con Coldplay: "Teño gravado moitos discos con xente diversa, mais coa miña música quero facer algo este ano"

Laura Solla é guitarrista e natural de Pontevedra. No mes de maio tocou nos catro concertos que o grupo Coldplay deu en Coímbra (Portugal). Agora, de volta na casa, continúa traballando nos seus próximos proxectos xa que, como ela mesma di, "teño gravado moitos discos con xente moi diversa, mais a miña música é un tema que teño pendente e co que quero facer algo este ano".
A pontevedresa Laura Solla nun dos concertos en Coímbra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A pontevedresa Laura Solla nun dos concertos en Coímbra. (Foto: Nós Diario)

—Como foi ese momento no que chegou a chamada para colaborar con Coldplay?
Chamáronme desde Live Nation España, que é a empresa que organiza estes concertos grandes en todo o mundo, para preguntarme se sabía tocar a lap steel, un tipo de guitarra. Eu díxenlle que si e aí xa me comentou que sería para tocar nun escenario con Coldplay. En cada país ao que ían chegar coa xira querían buscar artistas locais que souberan tocar ese instrumento para poder colaborar no escenario. Con todo, finalmente non se confirmou até dúas semanas antes dos concertos, polo que tampouco tiven moita marxe para manobrar até que cheguei a Coímbra para facer eses catro concertos.

Evidentemente tiña que dicir que si, son oportunidades que non se poden deixar pasar. A verdade que os concertos estiveron moi ben. Eu estaba moi nerviosa e si que foi algo raro porque colaboraba só nunha canción, Sparks (pertencente ao disco Parachutes), no escenario pequeno, que é un lugar onde todo é sorpresa, nunca sabes moi ben o que vai pasar. De feito, tiven que aprenderme unhas cantas cancións porque ao final era sorpresa cal había que tocar con eles. Agora aínda o estou asimilando.

—E despois de todo o vivido, como foi o proceso de aterrar de volta na casa?
A verdade, descansando. Levaba moito tempo sen días libres, varios meses, e a primeira semana tras a volta dos concertos tívena medianamente libre. Veume moi ben porque ademais foi só esa semana. A partir da seguinte xa volvín estar até arriba de traballo outra vez, como todo o ano e, especialmente, no verán. Na mesma semana estiven tocando con Blas Cantó, a segudna feira; a cuarta tocou Jungle Jam na sala BarCo (Madrid), a quinta e o sábado con Nat Simons en Madrid e en Jávea. Non paran de saír cousas, mais sempre digo que é mellor queixarse por exceso que por defecto. Ao final eu só me dedico á música.

—Como se pode xestionar tocar con persoas e repertorios tan diversos?
É un traballo psicolóxico constante de saber onde estás en cada momento e de como manexar cada artista e situación. Creo que hai que ter moita empatía e tamén cero ego, hai que saber quitalo de enriba ou gardalo para cando é necesario. Eu estou facendo o que me gusta, quero dicir que é unha escolla miña. Sempre tiven música na casa porque tanto o meu pai como o meu tío son músicos. Sempre tiñamos guitarras e pianos por aí e tamén se escoitaba moita música boa, de todos os estilos que fora posíbel. Nalgún momento entre os 13 e os 14 anos decidín coller a guitarra e xa non a soltei máis. De feito, comecei a tocar a guitarra e non sabía que me podía dedicar á música, eu estudei Psicoloxía en Santiago.

Durante ese tempo foron xurdindo cousas e xa cando rematei a carreira vin que tiña suficientes oportunidades que me chamaban para coller este camiño. Ao final acabas por asumir as consecuencias, a presión e as responsabilidades de facer todo isto e de ter tantos repertorios e estilos. Hai que estar aí e ser profesional en cada cousa que fagas, sexa o que sexa e ben nunha sala pequena ou nunha xigante. É o mesmo.

—E nestes momentos ten algún proxecto propio entre mans?
O certo é que teño gravado moitos discos con xente moi diversa, mais a miña música é un tema que teño pendente e co que quero facer algo este ano. Hai tempo que xa teño bastantes cancións e agora gustaríame poder gravalas e producilas eu mesma. E se fose posíbel tocando eu todos os instrumentos que poida. Realmente, a guitarra é ao que me dedico, o meu instrumento, mais tamén vou tocando outros por extensión a esta e tamén algún que, ao saber de música, acabas sabendo tocar aínda que non teñas moita experiencia con el.

Comentarios