Un informe avalía a presenza feminina no sistema das artes visuais

Galiza "non está entre os peores territorios do Estado" en materia de paridade, pero existen moitas diferenzas territoriais.
'Flor e acanto', obra realizada por Almudena Fernández Fariña no vestíbulo do CGAC en 2023. (Foto: CGAC).
'Flor e acanto', obra realizada por Almudena Fernández Fariña no vestíbulo do CGAC en 2023. (Foto: CGAC).

Onte presentouse simultaneamente en oito Centros de Arte do Estado -entre os que se encontra o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)- o Informe MAV 2025 As artistas aquí e agora. MAV, Mulleres nas Artes Visuais, é unha asociación que ten como obxectivo promover a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no sector das artes.

A asociación realizou un extenso informe no que se analizaron 8.866 exposicións realizadas por 315 museos e centros de arte do Estado español durante o período 2020-2024, así como as condicións en que se mostra o traballo das artistas e a súa presenza nos programas públicos de adquisición de obras.

"A situación da muller no sistema das artes visuais vai evolucionando positivamente, mais non é unha evolución lineal", declara a Nós Diario Maria Xosé Fernández Iglesias, coordinadora territorial de MAV na Galiza. "Existen retrocesos e, o que se gaña nun ano, pode perderse no seguinte. É necesario que exista un observatorio que estude e analice continuamente a situación e que publique os resultados para, polo menos, ter en conta os datos e adoptar medidas correctoras". 

A respecto da situación na Galiza, Fernández Iglesias di que, "non é a peor, cun 36,4% de exposicións individuais dedicadas a mulleres, aínda que existen diferenzas territoriais. Mais é importante tamén o cualitativo: pódense facer moitas exposicións individuais de artistas femininas, pero se non contan con medios -por exemplo, sen edición de material gráfico ou realización de actividades paralelas- seguirán estando en desvantaxe".

Segundo o informe, os centros que destacaron en termos de paridade, aqueles que dedicaron un número excepcionalmente elevado de exposicións individuais a mulleres artistas, son a Rede de Museos de Lugo, cun 71,5 %, e as Salas da Deputación de Pontevedra, cun 69 %. O Pazo de Fonseca chegou ao 54 %, e o CGAC, a Igrexa Universitaria de Santiago e a Fundación DIDAC ao 50 %. Moi próximos están a Fundación Granell, cun 46 %, O Vello Cárcere, cun 41 %, e a Galería Alterarte, cun 40 %. 

No outro extremo, hai catro centros que non programaron ningunha exposición individual de artistas mulleres durante o período de estudo: a Fundación Barrié, a Fundación Marta Ortega MOP, o Museo de Belas Artes da Coruña e o Pazo da Cultura de Pontevedra, o que corresponde ao 17,5 % dos museos analizados. As salas xestionadas polo Concello de Vigo están lonxe da paridade, por debaixo do 20%. E no Museo do Mar, dependente da Xunta da Galiza, so unha das dez exposicións individuais programadas no período de estudo correspondeu a unha muller artista.

Na cidade de Pontevedra, nin o Museo Provincial cun 33% nin a Fundación RAC cun 30% se achegan á paridade de xénero. En Santiago, A Casa do Cabido e a Cidade da Cultura mantéñense no 25 %, e a Fundación Seoane na cidade da Coruña queda nun mero 18 %. Nas institucións de Ourense, as porcentaxes baixan do 19%.

"Ademais dos grandes centros como o CGAC ou o MARCO, que melloraron moito e se achegan xa bastante á paridade, os centros e redes que funcionan mellor neste sentido, polo xeral, son os que teñen mulleres á fronte", conclúe Fernández Iglesias. 

O informe completo pode consultarse nesta ligazón.   

Comentarios