Contracultura

Helena Salgueiro: "As mulleres artistas só traballamos en novembro, polo 25-N, e en marzo, polo 8-M"

Helena Salgueiro, directora escénica e coreógrafa, é unha das organizadoras da I Asemblea Creadoras Feministas na Galiza, un colectivo que nace para defender os intereses de mulleres e identidades disidentes nas prácticas artísticas e, como ela di, “un espazo que quere pór por diante os coidados e os afectos”. 
65
photo_camera A dramaturga, directora escénica, coreógrafa e poeta Helena Salgueiro. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu Creadoras Feministas na Galiza?
Foi a partir dunhas conversas que comezaron a darse no outono sobre a necesidade de crear rede. Queríamos promover as redes de apoio mutuo, de autodefensa e un espazo crítico que nos permitise ter distintos puntos de vista. Diría que a necesidade principal era falar todas a un tempo, en lugar de comunicarnos as unhas coas outras de forma illada, especialmente para evitar o nesgo de confirmación. A nosa idea era estar todas a unha ante determinadas problemáticas, mais tamén atoparnos con novas ideas á hora de debater.

—Cal era a intención desta primeira asemblea?
Sobre todo, facer unha sondaxe do interese que había por iniciar este proxecto, era unha forma de xerar conversas sobre o que necesitan as creadoras neste momento e como ía recibirse o proxecto. O certo é que facela o día 12 de febreiro, o mesmo día que a manifestación [en defensa da sanidade pública], foi unha mala coincidencia, polo que houbo algunhas mulleres que tiñan ganas de vir, mais que priorizaron ir á manifestación.

Por isto tamén consideramos esta asemblea como unha toma de contacto e imos ter outra para confirmar as persoas que estarán involucradas activamente. Aínda non temos unha data fechada, mais será a finais de marzo porque todas tivemos que traballar bastante para a manifestación do día 8, mais tamén porque aquí as mulleres artistas só traballamos en novembro, ao redor do 25-N, e en marzo, ao redor do 8-M, polo que non é viábel facela antes. 

—Cales foron os temas tratados na reunión?
Foi como un episodio piloto, unha proba, porque ninguén sabía o que ía pasar, nin as que fixemos o chamamento nin as que se inscribiron. Había unha expectativa enorme porque ben podía ser o nacemento dun colectivo ou dun encontro anual. Ese día puxemos as cartas enriba da mesa e decidimos que finalmente nos constituiríamos como colectivo, que despois organizaría xornadas ou encontros de carácter público. 

Por outra parte, un dos temas centrais foi a confidencialidade, posto que queremos protexernos nós mesmas e as nosas compañeiras. Ao constituírnos como unha rede de autodefensa e un espazo que quere pór por diante os coidados e os afectos, queremos que sexa un espazo íntimo e que o que se diga dentro do colectivo ou das asembleas non se filtre fóra.

Tamén comezamos a traballar para elaborar algún que outro protocolo, por exemplo sobre como encarar a violencia de xénero ou os abusos de calquera tipo -físico, psicolóxico, simbólico-. A nosa intención é ter distintos bloques de traballo, polo momento a nivel anónimo, no que traballar desde distintos ángulos: desde unha vía máis teórica ou crítica, unha vía legal como unha especie de observatorio e unha vía de acción directa mediante accións de protesta ou boicots. 

—Como se chegou á decisión de que fose un espazo para mulleres e identidades disidentes?
É un terreo sensíbel, especialmente tendo en conta a situación do movemento feminista dos últimos anos con todo moi candente e hai que ter moito coidado, especialmente coa linguaxe. Somos transfeministas, mais non viamos necesario que neste espazo estiveran os homes cis.

Obviamente, son unha parte necesaria para a loita feminista, mais é un espazo para falar das nosas problemáticas e non críamos necesario que estivesen aquí. Dentro do noso espectro, tamén hai quen ten máis ou menos privilexios, temos en conta a interseccionalidade e as problemáticas visíbeis e as invisíbeis ou que están invisibilizadas como nalgúns casos de capacitismo.

Aínda que nos una a loita feminista temos que entender que non é o mesmo ser unha muller branca ou negra, ser precarizada ou migrante, e temos que estar abertas a renunciar aos nosos privilexios e a dar espazo a estas persoas.

Comentarios