Marina Loureiro é cofundadora de Espazo Brétema

Marina Loureiro: “Existe unha problemática en canto á visibilidade da muller nos diferentes sectores da arte”

Sandra, Marina, Jennifer, Aroa e Tania son as creadoras de Espazo Brétema, unha asociación en prol da difusión de artistas galegas que traballan diferentes manifestacións artísticas. Naceu por dous motivos: quixeron afrontar este novo proxecto como unha saída profesional tras rematar os seus estudos en Historia da Arte e pertinentes mestrados. Ademais, aínda que hai espazos similares dedicados á arte galega, quixeron facelo doutra maneira, aproveitando os seus coñecementos.  
Marina Loureiro está especializada en arte do mundo sacro. (Foto: Nós Diario) #arte #cultura #muller #visibilidade
photo_camera Marina Loureiro está especializada en arte do mundo sacro. (Foto: Nós Diario)

-Cal é o obxectivo de Espazo Brétema?

O obxectivo principal é falar da arte galega e dar visibilidade a artistas da terra que non contan con medios suficientes para proxectar o seu traballo.

Consideramos fundamental usar a nosa lingua para preservala como arte en si mesma, ademais de achegar o mundo do panorama cultural a un grupo máis amplo, xa que normalmente parece estar dedicado ás altas esferas ou profesionais do ámbito. Na nosa páxina pretendemos crear un amplo catálogo no que se agrupen diferentes manifestacións artísticas. Somos cinco rapazas que teñen unha predilección por un campo diferente dentro da Historia da Arte, o que fai que o proxecto sexa interdisciplinario. Sandra aposta polo mundo audiovisual, Jennifer pola Historia da Fotografía e estudos contemporáneos, Aroa dedícase ao campo da pintura, Tania vincúlase co mundo antigo e eu optei polo mundo sacro.

-Que iniciativas van desenvolver?

Agora estamos dedicándonos a labores de investigación e procura de diferentes artistas. Materializamos esa busca nun catálogo que está a crecer na web, conectando coa xente nova a través das redes sociais. Como futuros proxectos, contemplamos a realización dun podcast que fale de arte en galego dunha maneira entretida e accesíbel a todas aquelas persoas interesadas neste mundo. Tamén estamos abertas á realización de exposicións, cursos e diversas actividades dentro do panorama cultural.

-As artistas galegas contan con apoio suficiente por parte das institucións? 

Somos conscientes de que hai unha problemática en canto á visibilidade do papel da muller nos diferentes sectores do mundo da arte. A produción artística de mulleres na Galiza é ampla e moi interesante. Por iso cremos inxusto non incluír as mulleres nos discursos académicos ou que se prescinda da súa presenza en proxectos expositivos. Queremos conseguir unha visibilidade real destas mulleres, que non pase por crear un discurso paralelo, senón por incluílas dentro dun contexto común. A metodoloxía para levar isto a cabo é difundir o seu traballo, darlle o prestixio que merecen dentro do mundo artístico e conseguir que máis proxectos conten co seu traballo.

-Por onde pasa o futuro das novas artistas galegas?

Estamos sendo testemuñas dun novo cambio no panorama artístico. Na Galiza vemos que hai interese de experimentar con procesos máis aló das Belas Artes. As artistas apostan por experimentar coa ilustración, co deseño gráfico... Sobre todo vemos que hai un interese por retomar os procesos artesanais.

Na nosa terra temos unha tradición moi rica de artesanía e estase a facer un labor de reciclaxe de moitos proxectos primixenios. Vemos tamén unha mestura nas disciplinas e, sobre todo, un afastamento da arte dos espazos máis institucionais. As artistas queren utilizar novas canles e espazos, ser donas da súa obra e ser comprendidas. A arte muda como a propia vida.

-Cal é a importancia de que existan espazos que dean visibilidade e apoio ás artistas galegas?

É importante crear proxectos como o noso, xa que é un medio que fala da arte da nosa terra e de artistas emerxentes que comezan cos seus proxectos artísticos, non só daquelas que teñen unha longa traxectoria. Axudamos as persoas que están comezando neste mundo. Grazas a isto créase unha rede de artistas que configuran unha produción artística para a Historia da Arte galega contemporánea. A partir de aquí, esperamos que a difusión sexa real e que consigan os seus obxectivos, velas en salas de exposicións, que a xente merque a súa obra para poder vivir disto e que a arte non sexa un pasatempo.

Comentarios