Idioma subvencionado? O cinema en español recibe un euro de axuda por cada dous de billeteira

En 2011 o cinema español non chegou aos 100 millóns de euros de recadación, mais recibiu máis de 50 millóns en subvencións e axudas públicas. Un dato que contrasta co discurso que tilda de "subvencionadas" as outras linguas oficiais no Estado
Sala de cine
photo_camera Sala de cine

A produción española de filmes atinxe o seu máximo na última década, malia que a asistencia de espectadores ás salas é cada vez menor. A importante inxección de axudas e subvencións arguméntanse en base a manter e apostar por unha industria cultural e, tamén, por un idioma: o español. De feito, en 2011 o cinema español recibiu en subvecións por volta de 52 millóns de euros mentres que a recadación en billeteira andou polos cen millóns.

Esta situación contrasta coas mensaxes e discursos que tildan de "dilapidación" ou "gasto desnecesario" o diñeiro destinado ao cinema en galego, vasco e catalá, que reciben achegas moito menores. De feito, no caso da Galiza a chegada do PP de Núñez Feijóo ao Goberno autonómico supuxo drásticos recortes nas axudas da Xunta ao cinema ou teatro galegos.

As axudas ao cinema español, recoñecen produtores, administracións e sector en xeral, continúan a ser a táboa de salvación para esta industria. Para as xustificar, non é raro que se recorra á importancia de ter cinema en español, de aí que mesmo organismos como o Instituto Cervantes teñan subvencionado filmes.

Comentarios