A historia dos anos en que o teatro galego se recoñeceu a si mesmo
O camiño do teatro galego até a súa profesionalización foi longo e ateigado de obstáculos que se puideron ir salvando grazas á vontade dos seus protagonistas. A partir dun monllo de iniciativas illadas que tiveron que loitar contra o ambiente sombrío do último franquismo, o teatro galego foi construíndose a base de voluntarismo e dunha tenacidade férrea cuxo obxectivo último era a fundación dun teatro nacional de altura.
O teatro configurou unha parte fundamental da acción cultural antifranquista e da recuperación da cultura galega. Aquel movemento cultural desenvolvido arredor dos escenarios é o que quere lembrar Memoria do teatro galego na Transición, unha serie de catro pezas documentais nas que o Consello da Cultura Galega (CCG) aborda a recuperación, a través da memoria dos seus protagonistas e de documentos audiovisuais da época, dun período fundamental para a construción da identidade social e cultural da Galiza contemporánea. O proxecto presentouse esta segunda feira, 14 de outubro,na sede do CCG en Santiago, no marco dunha xornada de reflexión sobre este período.
As pezas realizáronse a partir da lembranza de feitos e creacións que se consideran fundacionais do teatro profesional galego, a través de entrevistas -realizadas por Tito Asorey, Vanesa Sotelo, Roberto Pascual, Melania Cruz, Dolores Vilavedra, Inma López Silva e Roi Vidal- coas persoas que foron parte activa do movemento teatral independente galego. As pezas, que duran entre 40 e 45 minutos, foron dirixidas por Tito Asorey.
Unha historia descoñecida
A xornada desta segunda feira iniciouse cunha intervención titulada "O teatro galego na Transición", impartida por Carlos Biscainho -profesor, investigador e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG- na que ofreceu unha análise sobre o papel que o teatro galego xogou durante o período de transición á democracia, subliñando o seu social e cultural que tivo na altura.
Esta charla deu lugar a unha palestra centrada na realización do proxecto A memoria do teatro galego na Transición, que contou coa participación de Tito Asorey -director do audiovisual-, Eduardo Alonso -profesional das artes escénicas, membro da Sección de Artes Escénicas do CCG e un dos protagonistas do proxecto-, Inma López Silva -profesora, escritora e investigadora-, e a recoñecida actriz Mabel Rivera, cuxa traxectoria está intimamente ligada ao desenvolvemento do teatro galego.
Eduardo Alonso -que ademais dun dos protagonistas do documental é o vicepresidente da Academia Galega de Teatro- considera que este proxecto non é so un éxito, senón que era "absolutamente necesario" levalo a cabo.
"Había tempo que estabamos pensando en realizar un proxecto destas características e, ao final, quen tomou a iniciativa foi o CCG, así que benvido sexa. Hai que ter en conta que non había nada feito, apenas un estudo do Ministerio de Cultura que tocaba o teatro galego medio de refilón. É unha obra que toca uns anos esenciais nos que se estabeleceron moitos dos principios fundacionais e dos sinais de identidade do teatro galego", declara.
A persoa que siga os catro capítulos da serie, atopará cales foron os principais debates que se deron neses anos: a profesionalización do teatro, por exemplo.
"Efectivamente, agora fálase moito da Mostra de Ribadavia como berce do teatro profesional", indica Alonso, "pero o certo é que Ribadavia opúñase a que o teatro se profesionalizase, consideraba que era máis libre traballando desde o amadorismo. Aínda que iso non diminúe a importancia que tivo como foro de debate no que se xestaron as pautas ideolóxicas que había de seguir o teatro galego".
Como por exemplo, a lingua. Nos anos 70 do pasado século existían compañías amadoras que facían teatro en castelán e que consideraban que non por iso deixaban de facer parte do teatro galego. "E foi en Ribadavia onde se instalou a idea de que o teatro galego era só o que se facía en galego. E esas compañías aceptárono", afirma Alonso, que anota que "por exemplo en Euskadi ou en Valencia non teñen esa consideración coa lingua".
Tamén se pode ver como a creación do Centro Dramático Galego chegou un pouco por casualidade: os pioneiros da escena non consideraban unha prioridade a unha unidade de produción dependente da Xunta, "pero apareceu aquela oportunidade política, existía un orzamento que podía perderse se o desbotabamos e, malia que adiantabamos un pouco todo o proceso, decidimos que non se debía deixar pasar aquela conxuntura. A realidade é moi teimuda e, moitas veces, lévate por camiños que non pensabas percorrer", recoñece o vicepresidente da Academia.
Catro episodios
O proxecto deuse a coñecer a principios de 2023 e complétase agora con dous novos episodios. A primeira das pezas indaga nos inicios da década de 1970 a través dunha longa entrevista a Manuel Lourenzo, que se complementa con achegas de Xulio Lago, Xerome Calero, María Xosé Porteiro, Eduardo Alonso, Luisa Merelas, Manuel Amenedo, Laura Ponte, Luma Gómez, Antonio Simón ou Cándido Pazó. O documental narra tamén o retorno dos profesionais galegos que estaban en Madrid traballando no teatro independente español.
O segundo episodio aborda a Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, promovida pola Asociación Cultural Abrente que, entre 1973 e 1980, se converteu no grande espazo de encontro do mundo teatral, e o foro no que se debatiron os camiños da profesionalización. Participan os integrantes do Abrente de aquela, como Luisa Escudero, José Luis Chao, Rosa Álvarez, Isolina Rionegro e profesionais como, entre outros, Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Rabón, Euloxio R. Ruibal, María Costas, Manuel Amenedo, Manuel Guede, Mabel Rivera ou Antonio Durán 'Morris'.
No terceiro episodio cóntase, en boca dos seus protagonistas, como se foron configurando as medidas de apoio institucional ás artes escénicas.
Finalmente, no cuarto, mulleres como Mabel Rivera, María Barcala, Ánxela Abalo, María Costas, Casilda Alfaro, Rosa Álvarez, María Xosé Porteiro, Ánxeles Cuña ou Isabel Rey, figuras destacadas no ámbito teatral, contan cal foi o seu papel, afastado dos primeiros postos de dirección e de toma de decisións nos seus inicios.
A historia debe continuar
Eduardo Alonso cre que este traballo é fundamental para coñecer a historia do teatro galego, mais tamén que debe ser continuado. "En realidade, aquí se fala da época en que deseñamos o que había de ser o teatro, pero a construción en si -máis alá do CDG- sucedeu despois, a partir de 1984. Por lei de vida, os que estivemos alí imos ir desaparecendo nos próximos anos, así que sería unha mágoa desaproveitar a oportunidade de completar este relato", afirma.


