Galiza Cultura rende homenaxe ao mestre do humor Xaquín Marín

O acto repasará máis de 60 anos de traxectoria profesional do humorista gráfico galego máis relevante despois de Castelao
Xaquín Marín. (Foto: cedida)
photo_camera Xaquín Marín. (Foto: cedida)

Este sábado día 7, a partir das 19 horas, no Teatro Xofre de Ferrol, celebrarase a Gala Homenaxe a Xaquín Marín que organiza a Federación de Asociacións Culturais Galegas Galiza Cultura. 

Quen é considerado o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao recibirá esta homenaxe tras máis de 60 anos de traxectoria profesional dedicado ao humor gráfico, a ilustración, a banda deseñada e o debuxo. 

O cronista gráfico da Galiza popular das últimas décadas, creador de infinitos cadros de humor publicados en medios de comunicación durante máis de medio século, será o protagonista dun evento onde contos, humor, música e mesmo o grafismo terán acubillo arredor da súa figura. 

 

Música e arte

Conducida polo actor e director Quico Cadaval, a gala combinará a música da St. James Dixie Band coas intervencións de humoristas gráficos, artistas, compañeiros de profesión como Siro ou Pepe Barro, ademais de amizades e persoas achegadas a Marín, como a responsábel do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos, ou a pedagoga Pilar Sampedro. 

O acto rematará coa entrega dun agasallo orixinal ao propio Xaquín Marín, recoñecido en 2019 co Premio Nacional Galiza Cultura, realizado polas súas compañeiras e polos seus compañeiros de profesión.

 

Comentarios