Letras Galegas 2023

Fernández del Riego, "o home que valía por mil", chega á banda deseñada da man de Galaxia

Pepe Carreiro e Antón Mascato son os autores desta obra.
Detalle da capa do cómic sobre Fernández del Riego.
photo_camera Detalle da capa do cómic sobre Fernández del Riego.

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego, a editorial Galaxia publica unha biografía en banda deseñada titulada Francisco Fernández del Riego, o home que valía por mil, con textos de Antón Mascato e ilustracións de Pepe Carreiro, humorista gráfico de Nós Diario.

Esta é a primeira obra que edita Galaxia con Carreiro, coñecido autor tamén dese fenómeno editorial e audiovisual que son Os Bolechas, todo un referente da nosa cultura. Nesta nova obra, explican desde a editorial, o debuxante ilustra dunha forma maxistral e desenfadada, máis tamén de forma rigorosa baixo a batuta de Antón Mascato, a vida de Paco del Riego e os principais acontecementos históricos que lle tocou vivir.

'Don Paco' foi membro das Irmandades da fala, do Seminario de Estudos Galegos, da organización xuvenil Ultreia, dirixente estudantil, fundador do Partido Galeguista, profesor na Facultade de Dereito, colaborador de prensa, secretario de Actas da Comisión para o Estatuto de Autonómia, conferenciante, crítico de arte, fundador da propia editorial Galaxia, preso político, secretario do Partido Socialista Galego, director de Artes Gráficas Galicia, editor, director de revístaa Graal, académico e presidente da Real Academia Galega, director da Fundación Penzol, escritor, divulgador, coleccionista de arte, bibliófilo...

Esta obra é unha forma "moi próxima e axeitada" para mostrar, a través do cómic, aos alumnos e alumnas de Primaria e da ESO a vida e obra dun dos grandes referentes culturais galegos, que, alén das súas múltiples ocupacións, "aínda tivo tempo para gozar da vida, pois Otero Pedraio referíase a el como 'pontífice do manxar escolleito' e afirmaba que levaba comido 'oito barcos de merluza, seis ou sete de linguados, cinco de robaliza e tres ou catro doutras especies, incluídos o chinchos e xoubas'.

Celebración do 'Ano Del Riego'

O pasado 6 de marzo a Real Academia Galega deu inicio á Primavera das Letras en Lourenzá, terra natal do prolífico autor. "O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, a festa grande da nosa cultura. Hoxe don Paco estaría moi feliz se puidese ver esta fermosa homenaxe que lle rendestes os nenos e nenas e mais o profesorado da súa Lourenzá", dixo o presidente da Academia, Víctor Fernández Freixanes.

Lourenzá será tamén o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu até o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol.

Comentarios