Premios Youtubeiras 2022: estas son as 22 propostas finalistas que optan a oito categorías

A cerimonia de entrega de premios decorrerá en Carballo o sábado 28 de xaneiro.
Finalistas da edición deste ano dos populares premios. (Foto: Youtubeiras)
photo_camera Finalistas da edición deste ano dos populares premios do pasado ano. (Foto: Youtubeiras)
  1. Candidaturas aos Premios Youtubeiras 2022

Máis un ano, chega a gala dos Premios Youtubeiras, que nesta nova edición, a sexta, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o sábado 28 de xaneiro. A organización, composta polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, xa elixiu 22 propostas finalistas para disputar os oito galardóns.

O evento correrá a conta da actriz e narradora oral Cristina Collazo, que exercerá de presentadora, mentres Laura Lamontagne & PicoAmperio porán a música. Este ano presentáronse un total de 74 canles de YouTube, 45 delas concorrendo por vez primeira e boa parte do total de recente creación. Son máis do dobre que as 38 rexistradas o pasado ano. Aliás, 39 foron seleccionadas por persoas usuarias para o Premio do Público.

Desde Youtubeiras salientan o "alto nivel técnico" e a "diversidade temática" das propostas candidatas, así como o "amplo rango de idade" das persoas participantes e o "potencial de se converteren en referentes da rede galega", como xa aconteceu desde anteriores edicións do certame.

O xurado desta sexta edición está conformado por Mario Brión (Olaxonmario), elixido Youtubeiro/a do ano na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio á lingua galega a través de Twitter no ano 2018.

Os Premios Youtubeiras repartirán este ano un total de 7.500 euros. Cada un dos galardóns conta cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público, cuxa contía ascende a 500 euros. Será o xurado quen decida finalmente a proposta gañadora en todas as categorías, agás na do público. Este galardón concédese por votación popular a través de medios dixitais e o xurado limitarase a dar fe do reconto.

Candidaturas aos Premios Youtubeiras 2022

Youtubeira/o do ano

Para a principal categoría deste certame están nominadas as propostas comunicativas de Anxo Sánchez, Neeumatiko e La Bisonte.

Mellor canle

Nestoutro apartado que premia a mellor das canles en galego concorren Toxío, Tonio Cociña Galega e Fica coa bóla.

Youtubeira/o revelación

A maior sorpresa do panorama audiovisual da Galiza dilucídase entre Marcos Borrageros, Histérikas Histórikas e Falemos do Reino de Galicia.

Mellor vídeo

O mellor vídeo publicado durante o ano no YouTube galego será A Moura, de Contos de Santalla; Bury your gays (Enterra os teus homosexuais) - Investigación documental, de Henfunk Studio, ou ben Eduardita, de Piratas sen parche.

Calidade Lingüística

O recoñecemento á maior calidade lingüística disputarase este ano entre Falemos do Reino de Galicia, que repite como canle nominada nestoutra categoría; a webserie Cóntallo a Cambados, e Media Laranxa.

Pioneiro

Ao denominado Premio Pioneiro, que valora a orixinalidade e innovación das propostas, concorren Noticias Dispersas, Gallifrey Ceive e Pingando —de Laura Veiga, colaboradora de Nós Diario—.

Rede

O Premio Rede, que vai destinado ás canles "coa capacidade de tecer comunidade", decidirase entre Proxecto R.E.D.E.S., A Lobeira Today e Exército Mekemeke.

Premio do Público

Finalmente, ao popular Premio do Público que elixen designan as persoas usuarias están nominadas BEMBIBRE coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez; Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño, de Orgullo Galego, e Eduardita, de Piratas sen parche, vídeo que compite en dúas categorías —esta e máis a de Mellor vídeo.

Comentarios