Olaxonmario triunfa na 5ª edición dos Premios Youtubeiras

Olanxonmario, O Son das Ideas, Neeumatiko, Pablo Rodríguez Vila, Toxío, AstroXabi, Cousas RarismASMR, Cousxs, Xacobo de Toro, Recuncho Gamer e Orgullo Galego levan os galardóns deste 2021

Olaxonmario é un dos finalistas na categoría Calidade Lingüística. (Foto: Facebook)
photo_camera O gran triunfador dos Premios Youtubeiras, Olaxonmario. (Foto: Facebook)

Olaxonmario foi o gran triunfador nos V Premios Youtubeiras, cuxa gala de entrega dos galardóns tivo lugar esta noite na casa da cultura de Bertamiráns (Ames), conducida polo grupo Tanxugueiras.

O xurado destacou deste creador, a quen cualificou de “referente nas redes sociais”, a súa capacidade de “conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Olaxonmario acadou dous dos cinco galardóns aos que aspiraba: Youtubeira e Vídeo. O xurado destacou deste creador, a quen cualificou de “referente nas redes sociais”, a súa capacidade de “conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”. Do seu vídeo galardoado, Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, sinalouse que se trataba dun “dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”. 

Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das ideas. “O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”,  apuntou o xurado. O premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. 

Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de 2.000 reproducións por vídeo.

O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, dado que en moi pouco tempo conseguiu facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada. A canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que a gañadora do galardón musical foi para Cousxs.

O xurado valorou positivamente “tanto a cantidade como a calidade das canles presentadas” e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”.

“Un referente indiscutible na divulgación didáctica de contidos”. Así definiu o xurado a Xacobo de Toro, quen se alzou co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. 

Por último, a canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia

Os galardóns, organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, procuran desde 2017 a promoción e visibilización das  persoas creadoras na nosa lingua na Rede. O xurado valorou positivamente “tanto a cantidade como a calidade das canles presentadas” e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”. 

Comentarios