Contracultura

Helena de Carlos: "A filoloxía é un campo que, se o tomas con paixón, non ten nada de mecánico"

Helena de Carlos, filóloga latina, volve á poesía tras 16 anos desde a súa última publicación con Imago (Faktoría K), unha obra que serve de testemuña da vivencia e transformación que ten lugar coa primeira menstruación e a menopausa.
A última publicación poética de Helena de Carlos foi 'Vigo' (Galaxia, 2007) (Foto: Nós Diario).
photo_camera A última publicación poética de Helena de Carlos foi 'Vigo' (Galaxia, 2007). [Foto: Nós Diario]

—Por que tivo a necesidade de volver escribir poesía?
O confinamento axudoume a centrarme e a pensar certas cousas desde ese punto de vista máis achegado que dan as formas de expresión poética. Tamén é certo que foi unha época de sensibilidades extremas en moitos aspectos, polo que tamén axudou a que conectara con isto. O certo é que tampouco teño resposta a por que non escribín durante estes anos. 

O único que podo dicir é que canalicei toda esa parte creadora e creativa que levamos dentro as persoas na escrita académica. Supoño que o meu cerebro non tolera estar dividido e, ao dedicarme á filoloxía en profundidade, o aspecto máis poético quedou relegado até que o confinamento propiciou que a creatividade volvese a este outro lado poético.

—É interesante porque a nivel social non hai unha concepción da investigación ou da ciencia como algo creativo. 
É algo moi curioso e no que eu tamén cambiei de opinión grazas a conversas con compañeiras que, por exemplo, escribían moito sendo novas e que agora enfocan a súa creatividade neste eido. A creatividade e a imaxinación son compoñentes fundamentais en todos os ámbitos académicos, tamén en ramas como a sanitaria, e iso non lle resta rigor en absoluto. Ás veces, na filoloxía, parece que este proceso investigador vólvese algo erudito e minucioso, case máis artesanal que artístico, mais tamén aparella todo isto. 

Tes que ter ideas e enfrontarte a todo un abano de retos imaxinativos, por exemplo, para pórte na pel da persoa que estivo anotando ese manuscrito do século VIII que tes diante ou para pensar por que este escrito chegou a onde chegou. É un campo que se o tomas con esa paixón, non ten nada de mecánico, todo o contrario. 

Alégrame moito poder falar deste tema porque realmente é algo co que eu mesma levo debatendo durante moito tempo. Supoño que, cando menos aquí, ese é o noso grande erro e materia pendente: saber divulgar e contar o que facemos. Penso que incluso persoas non moi alleas a min cren que en filoloxía latina o único que facemos é repetir declinacións. 

Entendo que nos falta ese punto de contar os nosos estudos e as nosas investigacións ante o público. De feito, as veces que fun polos centros de ensino secundario para falar do que facemos, o alumnado quedaba encantado. E iso sen venderlles nada irreal, simplemente falando do profundo reto intelectual que supón. 

—De onde parte a necesidade de falar destas experiencias?
Unha das cuestións aquí é estar sempre entre o individual e a experiencia colectiva, cando menos dun determinado colectivo. Coincidiume estar nese período de composición dos poemas cunha transformación fisiolóxica e física importante, tamén vivindo a metamorfose da miña propia filla que pasa de nena a adolescente. Estes son os parámetros baixo os que agora intentas explicarte, mais no meu caso tamén entrou en xogo o elemento académico. 

Estivera lendo sobre certas cuestións das culturas antigas e o papel de figuras cunha clave chamánica, persoas que experimentaban procesos de metamorfose, unha viaxe cara ao autocoñecemento que tamén buscaba o coñecemento da natureza, desa dimensión máis colectiva. Foi algo que me deixou fascinada e que vai na liña de constatar estas experiencias como feitos interindividuais: un proceso polo que pasan moitas persoas e que pode intentar explicarse a partir do propio. Por deformación profesional, a raíz da literatura antiga tamén está na conciencia de non estar inventando nada novo. 

Precisamente, as referencias mutuas, o que vulgarmente se coñece como intertextualidade, son moi complexas e vivas no mundo antigo, de maneira que acabas por tomar a escrita e o pensamento como unha especie de viaxe ou de percorrido polas obras de moitas voces, unha polifonía na que acaba por aflorar a túa propia voz. 

Comentarios