'Matria': a primeira longametraxe de Álvaro Gago participará na Berlinale

Matria, a primeira longametraxe do director vigués Álvaro Gago, vén de ser seleccionada para participar na sección Panorama da Berlinale, a segunda en importancia do festival cinematográfico que se desenvolverá na capital alemá entre os días 16 e 26 de febreiro.
Fotograma de 'Matria', do director vigués Álvaro Gago. (Foto: Vinte Media)
photo_camera Fotograma de 'Matria' do director vigués Álvaro Gago. (Foto: Vinte Media)

Matria, a primeira longametraxe do director vigués Álvaro Gago, vén de ser seleccionada para participar na sección Panorama da Berlinale, a segunda en importancia do festival cinematográfico que se desenvolverá na capital alemá entre os días 16 e 26 de febreiro.

O filme é o resultado dun "proceso natural", explica Gago a Nós Diario, en relación co proceso de transformar a súa curta homónima (2017) nunha longametraxe que, aínda sen terse estreado, xa está recoñecida internacionalmente. Para o director, o paso de curta a longa non supón un salto, senón "unha transición lóxica". 

Os asistentes á Berlinale observarán en primicia unha historia de superación persoal atravesada transversalmente por unha relación materno-filial complicada; por esa precariedade laboral, en palabras de Gago, "tan estendida, tan aceptada, e tan normalizada, que domina os nosos días"; e por un humor que se mostra como ferramenta de supervivencia e que funciona como "motor do filme". 

Pero, sobre todo, a metraxe de Matria busca "derrubar, cuestionar, repensar e tomar decisións" acerca de todas as estruturas sociais impostas pola "sociedade patriarcal na que vivimos", afirmou Gago. 

Derrubar barreiras

Matria conta a historia de Ramona, unha muller duns 40 anos que vive nun contexto persoal e profesional "tenso e impredicíbel", unha muller que sempre sacrificou todo polo futuro da súa filla. Porén, o desenvolvemento da película formúlalle a Ramona a posibilidade da apertura dun novo horizonte na súa vida. A protagonista é quen de derrubar algunhas das barreiras que dificultan a relación coa súa filla, unha relación "entre dúas persoas que chocan pero, ao fin de todo, do seu choque son quen de extraer o positivo e gardalo". 

Asegura Gago que era "importante" levar esta historia á pantalla porque "precisamos de persoas como Ramona dean un paso adiante para rachar coa repetición dos patróns que nos veñen impostos de fábrica".

Comentarios