'Matria', de Álvaro Gago, xa está en aberto na rede

A galardoada curtametraxe Matria, de Álvaro Gago, xa se atopa en aberto na rede. É o agasallo de Nadal do director, que actualmente traballa no guión de Algo parecido á felicidade.
Fotograma de 'Matria' (Sombriza Films)
photo_camera Fotograma de 'Matria' (Sombriza Films)

O cineasta Álvaro Gago inaugurou o ano liberando Matria. Esta curtametraxe, que pasou por máis de 130 festivais e recibiu máis de 60 galardóns, deu a sorpresa na edición de 2018 do Festival de Cinema de Sundance co premio do Xurado.

Matria conta a historia de Ramona, unha muller que vive cun marido co que apenas se comunica. Ademais, traballa nunha conserveira baixo as ordes dun xefe tiránico. No desafío que supón a súa vida cotiá, atopa acubillo na relación coa súa filla e coa súa neta.

O tenro e cru retrato da vida desta muller do mar, fortemente apegado á realidade, valeulle ademais a Gago unha nominación aos Goya, así como o Mestre Mateo a mellor curtametraxe.

A súa nova curtametraxe, 16 de decembro, está agora en circuito após estrearse no Festival de Locarno. Actualmente traballa no guión da súa primeira longametraxe, Algo parecido á felicidade.

MATRIA from Alvaro Gago Diaz on Vimeo.

Comentarios