Opinión

A certeza da matria

A miña é unha matria cultural, aberta ao mundo por vocación e vezada na resistencia por necesidade histórica. Emancipadora, que mira de igual a igual. Binaria, por definitoria de identidade e por célula de universalidade, na idea en que incidiu Castelao. En esencia, instrumento de diálogo co mundo, capaz de xestionarse a si mesma e de tecer respecto cara a dentro e cara a fóra.

O valor do noso radica na contribución á diversidade biolóxica, á diversidade cultural e ó coñecemento científico acumulado, principais riquezas do planeta; feito especialmente evidenciado nesta pandemia e que se expresou na necesidade de vacinas, eis a ciencia; responsabilidade no comportamento individual, velaí a cultura; e na importancia dos recursos propios ou de preto para cubrir as necesidades básicas da poboación, sobre de todo as alimentarias. A globalización é unha oportunidade para que as ideas sexan rapidamente compartidas, sen limitación por tempo e distancia, non como vía de estandarización que empobrece senón de diálogo enriquecedor, unha ocasión para que no futuro se xeren accións imprescindibles que permitan frear o cambio climático e posibiliten unha vida digna en calquera latitude, de non ser polas ditaduras e os nacionalismos imperialistas. Fronte a estes, o nacionalismo emancipador libera da opresión asemade evita a perda desa riqueza que representa a diversidade e que quero expresar cunha pregunta: ha ser mellor o mundo de perderse a lingua galega? Esa é a patria, a lingua como centro da nosa cultura, a capacidade que teñamos para o desenvolvemento científico, para producir alimentos, para fomentar o respecto polo medio ambiente, para combater a desigualdade e a discriminación da muller, para que os beneficios dos nosos recursos revertan na sociedade galega… porque finalmente a patria, aquí, é un prato de caldo e nalgures un de goulash.

O 25 de xullo ten que ser, por tanto, un día de paz, tolerancia e certeza; a que nace de saberse co dereito a convivir no mundo con outros pobos sen renunciar nin impor unha identidade, mais dando a valer a propia. É de primeiro de democracia garantir os dereitos das minorías dentro dun estado, o español neste caso. Máis alá de lexislar é obrigado velar que o lexislado se cumpra na vida cotiá; así, a modo de exemplo, cando recentemente acudín a unha notaría e solicitei un documento en galego, ao que teño dereito legalmente, tiven varias dificultades; cun resultado final desastroso, que me obrigou a pagar de novo noutra notaría polo mesmo documento, logrando que fose correctamente redacto, tras insistir, pero que o seu último parágrafo está en castelán, “yo el notario…”, algo que non advertín ata lelo na casa, o que me obrigaría a pagar por terceira vez se quero un texto íntegro en galego. Quen prefira o castelán non ten ningunha dificultade e paga só unha vez. O feito de escoller unha lingua non é por considerala mellor ca outra, elíxoa por ser aquela na que aprendín a falar, tamén por estar necesitada de presenza nas escrituras e testamentos para normalizar o seu uso neste ámbito, como en tantos outros, de feito. Testar na lingua propia é un dereito fundamental, xa que o máis importante que un pode legar é precisamente a propia lingua. Cando o solicitei, a recepcionista da notaría advertiume: la gente no lo pide en gallego; ó falar co escribinte e explicarlle o que quería mudou a expresión, xesticulou e emitiu sons que amosaban a súa incomodidade, logo o notario corrixiu o texto, amais falaba ben en galego, e cando rematou mostrei a miña conformidade; imprimiu e firmei. Na casa lino amodo, estaba redactado nun bo galego, aledeime, e xa ao final a frase citada, yo el notario…, que non me lera, e que podo atribuír a un lapsus, pero que sumada ás situacións antes mencionadas provoca certo cansazo e desánimo.

É pois necesario un día da matria de carácter  reivindicativo e festivo, que celebre toda a xénese histórica e cultural da que agromamos e que nos fai ser alguén no mundo. Idealmente expresado así por Lois Pereiro: Terra. Lingua, cultura, dereito á diferenza. Mente aberta ó mundo... e nada máis.

Comentarios