Fillas de Cassandra inicia a creación dun novo traxe con 'Hibernarse', un EP multiformato que verá a luz por entregas

María SOA e Sara Faro convidan ao público a tecer con elas, semanalmente, os retallos que conforman o universo Hibernarse, que se desvelará por completo o 10 de abril e cuxo formato físico se poderá reservar na páxina web de Altafonte.
O primeiro avance de Hibernarse poderase escoitar o día 20. (Foto: Arancha Brandón)
O primeiro avance de Hibernarse poderase escoitar o día 20. (Foto: Arancha Brandón)

Fillas de Cassandra presenta esta primavera Hibernarse, un proxecto híbrido, multiformato e singular no que o dúo reflexiona sobre o concepto de tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo deste universo componse dun EP cuxa primeira entrega se poderá escoitar o vindeiro día 20 de marzo, a partir das 00 horas, nas principais plataformas dixitais. 

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, o dúo pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

A través desta proposta, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universo Hibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para observarse desde ángulos non explorados até o de agora. 

O día 20 de marzo o dúo lanzará o sinxelo Hibernarse. Será a primeira entrega dunha serie de propostas artísticas que Fillas de Cassandra dará a coñecer, cada sete días, até o 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte Music Spain e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

Fillas de Cassandra

Fillas de Cassandra é un dos proxectos máis prometedores do panorama musical galego. O dúo, conformado por Sara Faro e María SOA, tece as súas creacións a través da mestura de estruturas modernas, como o pop ou o techno, con outras máis formais, próximas a músicaclásica, e mesmo co tradicional. As súas composicións, acompañadas dunha contundente base electrónica, están marcadas por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con públicos de diferentes xeracións.

O seu álbum debut, Acrópole (Tremendo Audiovisual, 2023), toma como referencia os nomes das heroínas dos textos clásicos e da mitoloxía grega. As súas figuras e historiasintrodúcense na cosmovisión feminista e contemporánea de Fillas de Cassandra. En marzo de 2023, Fillas de Cassandra presentou Acrópole, ao vivo, nunha Sala Capitol ateigada. Desde entón, o grupo percorre as principais salas de concertos do país e festivais para ofrecer 64 actuacións, entre as que se inclúen citas como o EmigraSON (Bruxelas) ou a Fira Mediterrània (Manresa). Ao longo do ano, publican os sinxelos Tola, Taratavoa (con Galician Army) e Canta miña sombra; e colaboran con artistas como Mondra (PUNHETA!), Zetak (ANGULEELE), Tanxugueiras ou Rebeliom do Inframundo.  

Logo de terse erixido como unha das grandes revelacións do panorama musical do país, e nunha última ollada á polis, Fillas de Cassandra presentou en febreiro de 2024 un novo espectáculo: Últimas Dionisíacas, no que, ademais de revisitar os éxitos do LP Acrópole desde unha electrónica máis escura e potente, o dúo deixa entrever o que ha ser o seu novo traballo discográfico, entretecido con outras composicións inéditas e cantos efémeros que nunca han ser publicados.

Últimas Dionisíacas é un ritual de peche, un convite a un festexo colectivo e catártico que só pode acontecer no encontro entre o público e o palco. No aquí e agora. Sobre catro peanas elévanse catro figuras a modo de Cariátides, sostendo a historia. O dúo musical propón nesta xira a integración de dúas músicas, apostando pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

Comentarios