O Festaclown encherá Vilagarcía de humor, circo e maxia

Acollerá 23 espectáculos do 10 ao 15 de agosto.
Leo Bassi presentará '70' no Festaclown.
photo_camera Leo Bassi presentará '70' no Festaclown.

O Festaclown regresa un ano máis a Vilagarcía de Arousa, desta volta cunha oitava edición que se celebrará do 10 ao 15 de agosto baixo o lema A festa da risa para encher as rúas da capital arousá de circo, humor, narración oral, maxia e acrobacias.

Na quinta feira, 10 de agosto, iniciaranse as actividades de animaclown e a sexta, día 11,  ás 21 horas, Leo Bassi, presentará 70 na inauguración do Festaclown nun acto que se desenvolverá no Auditorio Municipal.

O programa ofrece unha variada selección de nomes referenciais do panorama galego nos eidos do clown, do novo circo, dos monicreques ou da narración oral. Nesta última disciplina, cómpre sinalar a participación de Ángeles Goás cunha escolma de contos de igualdade o día 15, e Vero Rilo, quen chegará co seu espectáculo Destemidas o domingo 13.

Outras compañías galegas que participarán neste festival serán: Su-Ma con Glamping; Sempre arriba con Hoxe si; Psicore con Moito Barroco; ou Mago Teto que estreará o seu espectáculo Rock&Magic co que finalizará o festival o 15 de agosto. Tamén o domingo actuará na praza de Ravella Tanxarina Títeres, compañía pioneira no xénero dos monicreques na Galiza, co seu espectáculo Titiricircus.

O apartado exterior do Festaclown tamén inclúe a Kine Circus, compañía etíope que traballa en Adís Abeba coa cativada en risco de exclusión, que presentará o seu espectáculo Greed, os brasileiros Circo no Ato, coa súa obra Se der corda, e colectivos do panorama estatal como La Finistra Nou Circ, unha agrupación valenciana que representará Royal Circk.

Comentarios