Contracultura

Álvaro Reboredo: "O reto actual do circo na Galiza é ter un recambio xeracional de profesionais"

Álvaro Reboredo é o secretario da Asociación Circonove, recentemente galardoada cun dos recoñecementos outorgados pola primeira edición de Escena Galega das Artes Escénicas. Reboredo aborda a situación actual do circo na Galiza, afirmando que “cada vez hai máis espectáculos desta disciplina e compañías galegas que apostan por ela”.
A Asociación Circonove, da que é secretario Álvaro Reboredo, foi premiada por Escena Galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Asociación Circonove, da que é secretario Álvaro Reboredo, foi premiada por Escena Galega. (Foto: Nós Diario)

—Cales foron as sensacións tras saber que Circonove ía recibir este recoñecemento de Escena Galega?
Foi unha sorpresa, mais á vez foi moi gratificante. Ao final é unha asociación profesional integrada por algunhas compañías que forman parte do sector teatral profesional e sentir que o propio colectivo ao que pertencemos nos ten en conta e que queren recoñecer o noso labor de contribuír ao desenvolvemento do tecido cultural galego desde as artes circenses é moi bonito.

Claro, tamén para nós, tiña que chegar algo así: o circo xa non é unha novidade, afortunadamente xa ten o seu lugar no espazo cultural e penso que xa nos tocaba. Esta é unha iniciativa moi fermosa para co sector, xa que hai persoas e colectivos que traballan case na escuridade e está moi ben que a través destas cousas poidan saír cara a fóra e ter máis visibilidade. 

—Un dos obxectivos de Circonove é dar cabida ás necesidades da xente nova e compañías emerxentes no eido circense. Cales son estas actualmente?
Sobre todo é a cuestión do espazo: precisamos un lugar onde adestrar, mellorar a técnica, ensaiar as representacións e os espectáculos... Agora xa o temos na nosa nave, mais hai que melloralo. Por desgraza, ten unha serie de deficiencias que fan que en inverno sexa máis complicado estar aí. Temos algunhas axudas, mais estamos nesa loita para lograr ter un espazo cada vez máis profesional. Ao final esa é a chave para que as compañías profesionais mais tamén as persoas que veñen ás clases regulares e as crianzas que comezan a facer circo estean cómodas e sigan tendo a vontade de continuar nestas artes.

No que se refire á xente nova e ás compañías emerxentes, eu creo que temos un pequeno perigo pola falta de recambio xeracional. Por exemplo, as persoas que integramos Circonove temos de 35 anos para arriba; aínda estamos ben, mais si que notamos esa falta de xente nova. A nosa intención tamén é ser unha especie de factoría de talentos e si que aos nosos cursos regulares asiste xente nova, mais o que botamos en falta é a profesionalización, que se vexa como unha oportunidade laboral. E ese creo que é o reto actual do circo na Galiza: ter un recambio xeracional de profesionais do circo. 

—Esa profesionalización quizais vai un pouco na liña do que comentaba con respecto a visibilidade, non?
Por suposto. Está claro que o público cada vez ve máis circo nos teatros, nas rúas, nos festivais, inclusive en novos contextos como son as actividades extraescolares ou as clases e cursos que nós facemos. Iso axuda a que a imaxe do circo estea equiparada a que teñen outras artes como o teatro ou a danza. Elimina un pouco ese estigma que tiña antes de ser unha arte menor. Creo que temos que pensar en positivo e ver que actualmente estamos mellor, aparecemos en máis eidos da vida.

Evidentemente, como no resto do sector e en disciplinas como a danza ou os monicreques, non deixamos de ser artes escénicas que tratan de sacar a cabeza e non é doado. Mais, cando menos, o circo ten un espazo na programación cultural que antes non tiña e iso tamén é un indicador de que cada vez hai máis espectáculos desta disciplina e compañías galegas que apostan por ela.

Creo que nos últimos anos, tampouco hai que ir moito máis atrás, conseguimos desprendernos da imaxe máis achegada ao circo clásico e levar ao público xeral o que coñecemos como o novo circo. Nesta liña, nós entendemos que tamén facemos teatro. Concibímolo como unha arte escénica que quere contar algo a un público mediante diversas ferramentas. Nós utilizamos o circo como outra xente utiliza outros elementos como os xestos ou o texto, mais creo que todas facemos un pouco o mesmo.

Comentarios