A 'Festa dos Libros' regresará a Pontevedra con presenza de 13 librarías locais

A feira dos libros da cidade do Lérez decorrerá entre o 7 e o 9 de xullo

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, esta quinta feira na presentación da Festa dos Libros. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, esta quinta feira na presentación da Festa dos Libros. (Foto: Concello de Pontevedra)

A praza da Ferraría de Pontevedra acollerá da sexta feira 7 ao domingo 9 de xullo a VI Edición da Festa dos Libros, organizada polo concello en colaboración con 13 librarías da cidade e que contará coa participación de máis de 100 autores e autoras.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou durante a presentación que esta cita, que terá este ano 92 actividades como presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas, talleres, recitais ou firmas, é "un referente en toda a Galiza e parte do Estado".

O Concello de Pontevedra busca “sacar os libros á rúa” como unha forma de fomento da lectura e da creación e de apoiar o sector da cultura e do libro, “motor fundamental de desenvolvemento e dinamización da cidade”. Pontevedra quere con esta festa presumir de ser "a cidade que ten máis librarías por habitante en todo o país", segundo resaltou o rexedor.

Nesta ocasión, a 'Festa dos Libros' contará cun acto conmemorativo do 25 aniversario da editorial pontevedresa Kalandraka, que se celebrará o venres ás 12.30 horas.

Ademais, como novidade, haberá un maratón de lectura e ilustración onde destacados autores e autoras debuxarán en directo escenas e personaxes dos seus libros mentres soan as voces dos seus escritores ou das súas escritoras, ou representantes do ámbito cultural da cidade e tamén e lectores.

Tamén se homenaxeará á pontevedresa Fina Casalderrey, candidata ao Premio Hans Christian Andersen, o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo de libros para público infantil e xuvenil.

Comentarios