Elefante Elegante estreará en abril 'Alma de tigre'

A nova creación da compañía galego-portuguesa estrearase o 8 de abril ás 20.30 h. no Teatro Jofre de Ferrol. 
Alma de tigre (Foto: Vanessa Rábade).
photo_camera Alma de tigre (Foto: Vanessa Rábade).

Alma de tigre, a nova creación da compañía galego-portuguesa Elefante Elegante, estrearase o 8 de abril ás 20.30 h, no Teatro Jofre de Ferrol. A proposta escénica, segundo explican nun comunicado, é un espectáculo que transita "entre as artes visuais, a danza e o cine mudo".

Mergulla á espectadora e ao espectador nunha ensoñación a partir da historia de dous irmáns e unha irmá que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria.

"Tres adultos que non lograron cortar unha intensa relación familiar loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas", apuntan desde a compañía. 

A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro dan corpo a esta nova creación do colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres que segue a explorar e desenvolver a súa linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. 

Cuestionar o modelo tradicional de familia

"Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotiá e universal. Desde a ironía, queremos pór en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma", explica Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza

Alma de tigre é unha obra "construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio", explican. A través da música, do movemento e da escenografía, nesta obra revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, "con gran beleza plástica e moito humor absurdo" propio desta formación teatral. 

Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsábel tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).

Comentarios