'Cento doce viaxes na miña terra' esgota a súa primeira edición

A obra de Xoán Colazo vendeuse en só tres meses.
Xoán Colazo na presentación do libro onte en Candeán, Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xoán Colazo na presentación do libro onte en Candeán, Vigo (Foto: Nós Diario).

Tan só tres meses despois de saír á venda, o libro do economista Xoán Colazo Cento doce viaxes na miña terra esgotou xa a súa primeira edición e comeza a surtir as librarías coa primeira reimpresión da obra.

A  obra, publicada por Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, achega en 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor, as reflexións do autor sobre diferentes lugares da xeografía física e humana galega, profundamente transformada. Colazo leva décadas percorrendo os camiños do país e desde o nacemento de Sermos Galiza, en 2012, publicando, como integrante do colectivo Xea, estas reflexións. Agora, a través desta obra, convida a revivir esas "andainas polas derradeiras paraxes descoñecidas da Galiza".

Presentación en Vigo

A Bodega Subride de Candeán, Vigo, acolleu esta sexta feira unha palestra arredor do libro. Alí, Colazo sinalou que con este libro quere compartir "a paixón polo país, espertar na xente o interese de saír a camiñar e coñecer a nosa terra. Este é o xeito de valorala, de querela, de reivindicala, de sermos conscientes da nosa historia, da rica arte, da natureza vizosa, da toponimia de noso, das formas de montes, ribeiras e vales". 

“Trátase, sobre todo, saír do noso horizonte cotián permítenos coñecer e falar coas persoas que habitan, dan sentido e moldean este territorio variado e gozoso", conclúe. 

O autor explica que podes ir a unha fervenza ou achegarte a unha igrexa, pero cando camiñas un territorio, os elementos non están illados, hai capas históricas, culturais, toponímicas, patrimoniais... Vas co propósito de chegar a esa fervenza pero na aldea do lado hai unha pía romana nunha igrexa, ou falas coa xente e suxíreche unha variedade de preguntas e destinos novos". 

As viaxes do Colazo gardan semellanzas coas xeiras organizadas polo Seminario de Estudos Galegos hai 90 anos, e a focaxe que propón é semellante á ofrecida por aquela entidade. 

Comentarios