Contracultura

Xan Pampín: "Facía falta un disco de panxoliñas que tivese en conta a perspectiva da tradición oral"

Xan Pampín (Compostela, 1977) é un dos integrantes de Ailá, banda galardoada co Premio Martín Códax de música tradicional e que agora vén de publicar 'Ailá de Nadal', un disco recompilatorio de oito panxoliñas dispoñíbel tanto en formato físico como nas plataformas dixitais.  
Manuele Pardo, Xan Pampín, Ángela Carou e Abel Gañete integran Ailá (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuele Pardo, Xan Pampín, Ángela Carou e Abel Gañete integran Ailá (Foto: Pablo Giráldez).

—Publican Ailá de Nadal agora, mais o proxecto xa estaba iniciado.
Como grupo que nos dedicamos a investigar a música tradicional, tamén queremos intervir na actualización ou reinterpretación das panxoliñas. O ano pasado fixemos catro, unha delas co Concello de Rianxo, "Prosas de Reis", que é o nome xenérico que levan na vila os cantos do Ciclo de Nadal. A raíz de aí entráronnos as ganas de facer un disco máis completo con diversos tipos de panxoliñas. Puxémonos a traballar e este ano por fin puidemos sacar estas cancións que, como digo, ademais de fermosas, penso que son bastante diversas. Dentro do Ciclo de Nadal aglutínanse moitas temáticas. Hai que pensar que este Ciclo de Nadal é unha aglomeración de festas que noutros tempos se celebraban ao longo do ano e que por diversos motivos se foron xuntando entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro.

—Con todo, para moitas persoas son composicións ligadas á relixión
Temos moitas composicións diferentes que forman parte deste Ciclo, como son as rondas, os aninovos, os nadais, os Manueis, as xaneiras, as candelorias. Destas, as únicas que teñen un carácter plenamente cristián serían os nadais e os reises. Agora evitamos un pouco o tema relixioso, mais non deixa de ser algo que ten que ver coa familia, co recollemento do tempo de inverno. Eran festas nas que, dalgunha maneira, a vida quedaba parada e para socializar había que facer algún tipo de evento coma estes. O Ciclo de Nadal aglutina cantigas e temáticas que tamén se celebraban ao longo do ano, como poden ser por exemplo os aguinaldos. Pedíase no Entroido, tamén para as festas patronais, mais dalgunha maneira foron temáticas que se trasladaron as cantigas propias deste ciclo, aínda que como digo non son exclusivas.

E logo é certo que o Ciclo de Nadal está bastante castelanizado porque tamén partillamos o repertorio peninsular. Hai moitas cantigas, por exemplo as madamas ou os romances tradicionais, que son plenamente casteláns. Intentamos traducir o máximo posíbel e o que consideramos que tiña máis sentido, mais é verdade que hai algunha copla en español.

Por outra parte, lanzamos todas as panxoliñas nas plataformas dixitais para que o público puidera escoitalas e atopar as letras aí, mais o disco físico conta cun contido exclusivo: os karaokes. Así, a xente pode utilizalos na casa para cantar en familia ou facer un uso didáctico deles nas aulas. É un material bastante adaptado ás crianzas para poder ensinar panxoliñas en galego con todo o repertorio que temos.

—Cre que é necesario un impulso deste tipo de composicións?
Teño a sensación de que quedamos no "Nadal de Luintra", de Berrogüetto e cantado por Guadi Galego, e todos os anos acabas escoitando esa banda sonora como se non houbera outra. Evidentemente fixéronse máis discos de Nadal, non digo que non, mais estamos falando de hai case 30 anos. Tamén hai algún material solto, mais penso que facía falta un disco que tivese en conta a perspectiva e o carácter da tradición oral. Nós utilizamos os arquivos sonoros para poder revivir e recrear este tipo de panxoliñas dunha maneira máis didáctica e máis lúdica e musical.

Sempre conto unha historia moi fermosa que foi recollida por Dorothé Schubarth con Xaquín Lorenzo. El contaba que en 1931, cando se proclamou a República, chegou a época de Nadal e a xente xa non se atrevía a saír cantar os reises porque xa non había monarquía no Estado.

Para que non se perderan, el e o seu irmán xunto con algúns veciños saíron á rúa a cantar os reises polas casas até que cando remataron tiñan toda aldea detrás deles. Quero dicir que é unha tradición que estivo moi instaurada e ademais moi fermosa, porque a época máis escura do ano precisaba destes espazos nos que socializar.

Comentarios