A mostra inaugúrase o día 22 de outubro no Vello Cárcere de Lugo

Unha exposición celebra os cincuenta anos de traxectoria de Fuxan os Ventos

A exposición, que poderá visitarse até o 22 de xaneiro de 2023 e que leva por título Fuxan os ventos. 50 anos de historia, pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega.
Concerto de Fuxan Os Ventos no pazo dos deportes de Lugo, o 1 de maio de 1973.
photo_camera Concerto de Fuxan Os Ventos no pazo dos deportes de Lugo, o 1 de maio de 1973.

O grupo de música galego Fuxan os Ventos inaugura o día 22, no Vello Cárcere de Lugo, unha mostra para celebrar o seu 50 aniversario. A exposición, que poderá visitarse até o 22 de xaneiro de 2023 e que leva por título Fuxan os ventos. 50 anos de historia, pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos que conforman o seu arquivo persoal. 

Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales o público poderá mergullarse no universo creativo do grupo nunha mostra que tamén conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país. 

Paralelamente elaborarase un catálogo da exposición, que editará o Consello da Cultura Galega e que se presentará, tamén en Lugo, coincidindo co peche da exposición. Neste, ademais dalgún traballo de análise e investigación, farase un percorrido polos elementos máis significativos da exposición.

50 anos de historia

A orixe de Fuxan o ventos está no III Festival das San Lucas de Mondoñedo (1972). O grupo de música gañou a cita, obtivo o galardón de 50.000 pesetas e mudou o nome, pois ao certame foron como ‘Folk 72’, pero saíron como Fuxan os Ventos, título da canción trunfadora. Desde os seus comezos pasaron pola formación preto de 30 músicos. 

En 1976 gravan o seu primeiro disco, Fuxan Os Ventos, logo seguen con Tequeleteque (1977), Galicia canta o neno (1978), Sementeira (1978), Quen soubera cantar (1981), Noutrora (1984), Sempre e mais despois (1999), Na memoria dos tempos (2002), Terra de soños (2009). 

O grupo, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008. Na actualidade integran a banda Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; Alfonso Fernández, voz, e Moncho Díaz, voz, guitarra e frautas. 

Recentemente recibiron o Premio Martín Códax da Música Honorífico 2022. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos premios, destacan que Fuxan os Ventos “non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores, senón tamén á Galiza de orixe rural”. 

Comentarios