Cultura

O Castro de Centroña, un "perfecto descoñecido"

Ardóbriga reclama que sexa declarado BIC
torques
photo_camera Torques de Centroña.

O castro de Centroña (Pontedeume e Miño), chamado tamén Perbes ou Castrelo, era noticia no pasado outubro por mor dunha tala de eucaliptos que provocou graves danos en dous sectores, co deterioro dun parapeto ao introducir a maquinaria. Estas ameazas virían sumarse ás prácticas de moto cross, ao seu uso como vertedoiro clandestino ou a aquel hipotético trazado do AVE que puido destruír xacementos adxacentes.

"Parece que todo isto removeu conciencias e o por fin se vai pór en valor", expresa Antón Prego, presidente da asociación cultural Ardóbriga, colectivo que desde a súa conformación en 2008 leva a traballar na conservación do patrimonio arqueolóxico dos concellos de Pontedeume e Miño. De facto, o propio torques atopado nas inmediacións do Castro de Castrelo constitúe o emblema desta organización, cuxo nome está ligado á denominación que certos escritos outorgan a unha cidade identificada co castro, datos que dan unha idea do seu grao de implicación na salvagarda deste ben patrimonial.

"Este castro era practicamente un descoñecido até hai 15 anos", explica Prego. Mesmo nas publicacións de arqueoloxía sobre o golfo Ártabro apenas aparece mención a el, do pouco que se dá conta é do denominado Torques de Centroña, achado de maneira casual en 1912 por un veciño mentres traballaba unha leira de patacas. Datado entre os séculos II-I a.C., foi Manuel Murguía quen, en calidade de experto, realizaría as primeiras fotografías da peza e situaría a súa pertenza na época de "romanos e celtas", nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Galega. Ademais, o historiador mediaría para que rematase en mans de coleccionistas, co que chegou aos nosos días no catálogo do Museo de Lugo.

Malia ser un "perfecto descoñecido", o xacemento non carece de importancia. Prego apunta cara aos torques como mostra da súa soberanía. Igualmente, está relacionado co santuario precristián do monte Breamo, sobre o que hoxe en día se ergue unha capela románica. A relación co templo pagán, ademais de con outros castros das parroquias dos arredores (Boebre, Centroña, Nogueirosa, Castro...) mostra a relevancia que debeu ter en tempos este complexo, funcionando como capital da área. O tamaño e o dominio visual son factores que tamén apuntan nesta dirección. A localización presenta ademais unhas "vistas espectaculares", situado nun enclave que entre as árbores deixa albiscar desde a Torre de Hércules até as illas Sisargas.

A lectura histórica do linde parroquial

Curiosamente, a liña divisoria entre dúas parroquias pasa xusto polo medio do castro. "Hai marcos moi antigos, documentados no mosteiro de Caaveiro na Idade Media, que xa dan constancia desa fronteira", segundo explica Prego. No século XIX acabaría converténdose en estrema municipal, ao quedar cada parroquia adscrita a un concello diferente: Centroña a Pontedeume e Perbes a Miño. O abandono do castro e o asentamento nas aldeas da contorna apunta a que "mantiveron dalgunha maneira unha ligazón sequera psicolóxica" que levou as habitantes a deixar a división no medio: "a metade do castro para unhas e a outra para outras". Ou cando menos esa é a lectura histórica do linde que fan desde Ardóbriga.

Estado de conservación

Co tempo o xacemento foi ficando esquecido. "A veciñanza, como en todos os castros da Galiza, foi collendo pedras", indica Prego, para empregalas noutras construcións. "Iso é o normal, forma parte da propia historia dos castros", sinala, mais "non se pode seguir facendo". As estruturas que se conservan, hoxe máis evidentes por acción da tala, constitúen un recinto principal de forma elíptica, con murallas de terra nas que se aprecian restos de pedra. Rodéao un antecastro no lado noroeste e outro no leste e está circundado, na súa totalidade, por un sistema de socalcos.

Plan de recuperación

O continuo traballo de Ardóbriga parece que deu os seus froitos. O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández,  declarou publicamente a intención do concello de ir adquirindo algunhas das fincas do castro, de propiedade privada -en casos mesmo descoñecida. "A titularidade pública das terras podería dar un xiro á historia do xacemento", considera Prego. O plan municipal inclúe unha escavación e rehabilitación dos restos da Idade de Ferro, que pretenden levar a cabo mediante un convenio coa Universidade da Coruña, a través das prácticas do estudantado de arqueoloxía. Por outra banda, o alcalde manifestou a súa intención de promover unha ruta polos vestixios arqueolóxicos do concello.

"A nós parécenos estupendo sempre e cando se lle encargue a profesionais ou a unha empresa cualificada que faga unha planificación global do castro, non sectorial", recalca Prego. "Non se pode limitar á zona de Pontedeume, porque a metade pertence a Miño", lembra, ao tempo que insiste na necesidade dunha estratexia conxunta a medio e longo prazo.

"Nós propugnamos desde sempre que sexa declarado Ben de Interese Cultural", engade, petición coa que o alcalde de Pontedeume se atopa conforme e estaría, segundo ten afirmado, dentro dos seus obxectivos.

Comentarios