Castros: escoitar a voz do pasado

A cultura castrexa simboliza un patrimonio de grande importancia para a Galiza. Nos últimos anos, a sociedade estase a decatar da riqueza arqueolóxica que temos, o que provoca un aumento da demanda social a prol da restauración de xacementos galegos. Recentemente comezáronse numerosas intervencións en diferentes castros que están a conseguir descubertas moi interesantes que axudarán a coñecer aínda mellor a Idade do Ferro galega. Pois cómpre aprender a camiñar polo pasado para poder transitar polo futuro.
Imaxe principal da reportaxe sobre os castros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe principal da reportaxe sobre os castros. (Foto: Nós Diario)

Nos últimos meses, un gran número de castros galegos está a experimentar diferentes intervencións arqueolóxicas. Resulta curioso comprobar que se produzan tantas escavacións e procesos de restauración malia estarmos inmersas nunha situación de pandemia. Moitos dos arqueólogos e arqueólogas que dirixen estas intervencións aseguran que, dado o pasado confinamento por mor da Covid-19, gran parte dos proxectos xa existentes tiveron que posporse até finais do verán, coincidindo coa publicación dunha resolución de subvencións para as devanditas actuacións arqueolóxicas.

Estes dous feitos son claras causas da coincidencia de tal número de proxectos nestes meses. Mais o principal condicionante talvez sexa a crecente demanda social a favor da restauración dos xacementos galegos. A partir de propostas promovidas por concellos ou asociacións veciñais e culturais de base, estanse a levar a cabo diferentes intervencións dirixidas quer a realizar novas escavacións quer a manter e restaurar xacementos xa coñecidos.

Descubertas

Estas intervencións están a dar froitos moi interesantes para o patrimonio arqueolóxico galego. Diferentes descubertas corroboran este feito. Por exemplo, na intervención no Castro de Chandebrito, en Nigrán, descubríronse novas estruturas e parte da muralla que, segundo a explicación de Benito Vilas, arqueólogo de Árbore Arqueoloxía, leva a estudar que quizais esa muralla non tivese unha finalidade de protección. A nova intervención arqueolóxica centrarase especialmente na ampliación deste elemento construtivo en 40 metros cadrados máis.

O Castrillón, en Larouco, conta con outro sistema de defensa ben curioso: catro grandes foxos, un deles de até 15 metros de profundidade. O arqueólogo da empresa Xeitura que dirixe a intervención, Martiño Xosé Vázquez, expón que "é un xacemento do que xa se tiña constancia, pero que nunca se soubo definir de que era". Até o momento, existen fundadas sospeitas de que se trata dun poboado da Idade do Ferro que nin foi romanizado dada a ausencia total de material do mundo romano; non se atoparon obxectos de cerámica ou tellas desta cultura. Este feito, como comenta Vázquez "engadiríalle un maior valor ao sistema de defensa", que se considera un dos máis impresionantes da comarca de Ourense. Ademais, grazas á obtención dunha mostra de carbón atopada no xacemento, desenvolveranse análises de carbono-14 para obter datacións absolutas e determinar a súa tipoloxía.

A diferenza dos xacementos anteriores, o castro de Cerneda, en Abegondo, está a pasar pola súa primeira intervención. David Abella, arqueólogo de CADO Arqueoloxía, que dirixe a escavación, explica que o obxectivo deste proxecto é comezar a intervir no castro e realizar investigacións para desentrañar os seus misterios.

Este xacemento pódese situar desde a Idade do Ferro até, polo menos, a época galaico-romana a partir das estruturas pétreas atopadas nel. Abella conta que localizaron alicerces de materiais perecedoiros e unha muralla de pedra, así como multitude de elementos cerámicos, unha pequena peza de bronce e fragmentos de vidro. Este grande abano de materiais diversos será estudado durante estes meses.

Outra descuberta de enorme relevancia foi a realizada polo equipo dirixido por Emilio Ramil no Sarridal, en Cedeira. Na intervención, xa finalizada, deixouse á vista a muralla, o bastión e unha torre exterior que non se coñecía previamente. Ramil expón que o traballo que toca agora é a posta en valor destes elementos pétreos.

Gozas da lectura? Para seguir con ela non tes máis que mercar o Sermos que sae publicado mañá co Nós Diario e que atoparás en gasolineiras, librarías, quiosques ou na nosa tenda online. Fica con máis tranquilidade para outra fin de semana tramitando a subscrición agora mesmiño!

Comentarios