Galiza Cultura homenaxeará Manuel Lourenzo

O vindeiro 14 de xuño, o dramaturgo Manuel Lourenzo será o protagonista dun acto no que se lemabrará a súa traxectoria e verán a luz as súas Obras Completas. O evento está organizado pola Fundación Galiza Cultura e a A.C. O Galo. 
O dramaturgo Manuel Lourenzo (Foto: Ollo de Vidro-ACAB).
photo_camera O dramaturgo Manuel Lourenzo (Foto: Ollo de Vidro-ACAB).

A Federación Galiza Cultura e a Agrupación Cultural O Galo (membro desa Federación) realizaranlle unha homenaxe ao autor, director, actor, produtor, editor e docente galego Manuel Lourenzo. O acto terá lugar no Salón Teatro de Compostela a vindeira terza feira 14 de xuño ás 19.30 horas. 

Desde a organización confirman que intervirán no evento a actriz Susana Dans e o actor Quico Cadaval; o director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez; o  director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez; e o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril. Porán a nota musical a Coral Solfa e o gaiteiro Brandán Lourenzo. 

Durante o mesmo evento presentarase a Obra Completa do dramaturgo recentemente publicada por Galiza Cultura e da que fan parte sete tomos nos que se recompila toda a súa escrita.

A edición e publicación consta de 300 pezas teatrais e só os catro primeiros volumes, presentados no mes de abril, xa recollen perto de 50 anos da produción teatral de Manuel Lourenzo. O dramaturgo, orixinario de Ferreira do Valadouro, participou como intérprete en numerosos audiovisuais, series de televisión e filmes.

Tamén foi co-fundador da Escola Dramática Galega e dos seus Cadernos de Teatro, puxo en funcionamento e dirixiu o "Teatro Luis Seoane", no cal se representaron obras en galego de grandes autores internacionais, e recibiu os mais importantes premios do noso teatro e o que anualmente concede aos dramaturgos o Ministerio de Cultura do Estado español.

“Un home de teatro en sentido amplo”

A presidenta da A.C. O Galo, María Antonia Pérez, lembra que a súa entidade e o teatro galego sempre estiveron relacionadas, mesmo desde os seus inicios cando recadaron fondos que fixeron posíbel en 1963 a realización do Premio de Teatro Castelao, organizando a chamada "campaña do peso".

Explica a Nós Diario que Lourenzo foi “un home de teatro en sentido amplo” con múltiples facetas "desde a súa participación no Grupo Abrente de Ribadavia até a súa preocupación por defender os dereitos profesionais de toda a xente que traballaba no mundo do teatro". 

Comentarios