Galiza Cultura agasalla Manuel Lourenzo

A gala de homenaxe ao dramaturgo decorrerá o domingo na Coruña.
Gutiérrez, Borrego, Cadaval, Pérez e Couto, na rolda de prensa. (Foto: Galiza Cultura)
photo_camera Gutiérrez, Borrego, Cadaval, Pérez e Couto, na rolda de prensa. (Foto: Galiza Cultura)

O actor, dramaturgo e autor Manuel Lourenzo recibirá unha homenaxe nacional por parte da Federación Galiza Cultura á que están convidadas todas aquelas persoas que desexen asistir, até completar capacidade: as que coñecen a prolífera traxectoria de Lourenzo desde hai décadas e as novas xeracións que o sitúan no mapa cultural galego grazas á súa interpretación de Terito na exitosa serie Fariña. A cita será este domingo 19 de decembro ás 19 horas no Teatro Rosalía da Coruña.

A colectividade de asociacións culturais quere pór de relevo a figura de Lourenzo, un piar básico no impulso das artes escénicas no país, no que puxo en marcha -ou axudou no proceso- escolas, compañías e proxectos teatrais de recoñecido prestixio.  

A vicepresidenta de Galiza Cultura, María Antonia Pérez, falou do artista como "un home de teatro, un exemplo na defensa do uso do noso idioma no eido da creación e na representación teatral", así como un camiño de máis de medio século "dedicado a erguer un teatro asentado nos alicerces da nosa cultura, inscrito na contemporaneidade e comprometido cos intereses do noso pobo". 

Entidades e colectivos como a Escola Dramática Galega, O Facho, Casahamlet ou Teatro Circo, por enumerar só algunhas, non se entenden sen pensar en Manuel Lourenzo, ao que despois de participar en máis de 200 espectáculos, tócalle recibir unha "cesta natalicia" das persoas que queren e admiran a este autor teatral nacido no Valadouro.

Música, comedia, teatro

De feito, o director artístico da gala que decorrerá este domingo, Quico Cadaval, avanzou na presentación desta  quinta feira que o agasallo estará conformado por "jazz, comedia, canto tradicional, a palabra verdadeira do teatro, música teatral, arias de ópera, a conciencia crítica, a lembranza emocionada e a danza". 

Para conseguir esa perfecta engrenaxe de artes, a federación -que conta co apoio da Deputación da Coruña e do Concello- vai subir ao escenario a Mónica de Nut e Virxilio da Silva; Mofa e Befa; Bernardo Martínez e Fito Ares (baixo o nome de Grus Grus); o propio Quico Cadaval; a compañía de danza de Ana Beatriz Pérez e Armando Martén; Luísa Merelas, Cristina Domínguez e Xesús Pisón. 

Nesta festa polo actor tamén se celebrará que está moi avanzada a edición especial da súa obra completa, de sete volumes.

Comentarios