Directoras de cine centran o ciclo de marzo da Filmoteca da Galiza

As galegas Margarita Ledo e Diana Toucedo forman parte da programación do ciclo
Margarita Ledo nun fotograma do documental de Xisela Franco. (Foto: Filmin)
photo_camera Margarita Ledo nun fotograma do documental de Xisela Franco. (Foto: Filmin)

A Filmoteca da Galiza conmemorará o Día Internacional das Mulleres Traballadoras durante todo o mes de marzo cunha carteleira eminentemente feminina, na que 35 das 42 sesións programadas ofrecen traballos de directoras.

Farao a través de tres novos especiais sobre Márta Mészáros, Kinuyo Tanaka e Helena Wittmann, así como do regreso do ciclo Olladas de muller, que como cada ano organizan conxuntamente a cinemateca da Xunta e o Consello da Cultura Galega (CCG). 

A programación arrancou esta cuarta feira na sala José Sellier da Coruña coa proxección de A rapariga, de Márta Mészáros, primeira muller en gañar o Oso de Ouro na Berlinale co seu filme Adopción (1973), que tamén forma da carteleira do certame.

Diante e detrás das cámaras

Esta semana tamén arranca unha nova entrega do ciclo anual Olladas de Muller, que proxectará diferentes traballos audiovisuais protagonizados por mulleres, tanto diante como detrás das cámaras. O programa estrutúrase en 10 sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega. 

Alén da proxección de películas dirixidas por mulleres como a premio Nobel Annie Ernaux ou Isabel Coixet, o ciclo tamén ofrecerá traballos sobre o papel das mulleres na literatura, na pintura ou na política, categoría na que se encadra a proxección o 9 de marzo de Margarita Ledo. Parolar cun eu, da directora Xisela Franco. 

Olladas de Muller terá unha notábel presenza de creadoras galegas, con obras de Diana Toucedo, Alicia López, Carla Andrade ou Paula Barreiro, entre outras. 

Visita de Helena Wittmann

A Filmoteca da Galiza programará tamén sesións dedicadas á directora alemá Helena Wittmann, que se desprazará o día 17 de marzo á Coruña para presentar a súa segunda longametraxe, Human Flowers of Flesh (Flores humanas de carne).
 

Comentarios