O Día da Ilustración homenaxea a artista María Antonia Dans

As bibliotecas galegas conmemorarán o Día da Ilustración 2023 cun amplo abano de actividades sobre o legado de María Antonia Dans, ilustradora homenaxeada este ano.
Retrato dunha nena realizado en 1970 por María Antonia Dans.
photo_camera Retrato dunha nena realizado en 1970 por María Antonia Dans.

As bibliotecas galegas conmemorarán o Día da Ilustración 2023 cun amplo abano de actividades sobre o legado de María Antonia Dans, ilustradora homenaxeada este ano. A programación está composta por obradoiros, contacontos ou exposicións sobre a traxectoria da artista. 

A peza central do programa da Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades é a mostra bibliográfica María Antonia Dans, a maxia da cor, que se inaugurará na Biblioteca da Galiza da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) coincidindo con esta efeméride que se celebra o 30 de xaneiro. A exposición está organizada en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. 

Os debuxos naturalistas e coloristas que María Antonia Dans deixou impresos en diversos libros e xornais mostraranse, entre outros documentos, nesta exposición que se poderá ver desde a segunda feira, 30 de xaneiro, até o 12 de maio no Edificio do Arquivo e Biblioteca da Galiza. Ademais, este espazo acollerá o sábado 4 de febreiro o obradoiro Ilustremos en galego, dirixido a mozos e mozas de máis de 14 anos.

Actividades para todos os públicos

As bibliotecas públicas Ánxel Casal (Santiago de Compostela), Miguel González Garcés (A Coruña), e a biblioteca de Lugo acollerán o vindeiro sábado, 28 de xaneiro, sesións de contacontos, obradoiros de ilustración e de narración ilustrada, todos eles para cativada de entre 3 e 12 anos. Pola súa parte, a Biblioteca Pública Nós (Ourense) celebrará a efeméride coa mostra Pintando a vida, composta por libros ilustrados e álbums.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola (Pontevedra) ten prevista unha programación para todos os públicos na que se inclúen obradoiros, sesións de contacontos, seleccións de libros e exposicións.  

Comentarios