Cultura

As profesionais da tradución critican as axudas da Xunta

A Asociación de Tradutores Galegos considera que as subvencións empregan criterios inxustos
libro-fondo-tablero-verde_1150-3837
photo_camera Libros (arquivo)

A Asociación de Tradutores Galegos vén de expresar nun comunicado a súa desconformidade coas novas bases da orde para a concesión de axudas á tradución literaria que convoca anualmente a Xunta da Galiza. Estas comprenden tanto subvencións ao libro galego que se traduce a outras linguas como ao vertido ao noso idioma de obras publicadas orixinariamente noutros, así como para a súa edición.

"Consideramos inviábel e contraproducente a exixencia de presentar certificados editoriais para cada obra listada nos currículos dos tradutores e tradutoras", afirman desde a asociación. Do mesmo xeito, amosan o seu malestar por ter que achegar certificados oficiais que acrediten o dominio das linguas, pois consideran máis oportuno que se avalíe exclusivamente o currículo, no que de seu aparecen listadas as obras traducidas.

Así mesmo, faise constar que en ningún momento se lle trasladou á Consellaría desde a necesidade de "exixir novos certificados de ningún tipo", e que non se propuxo nin se acordou conceder un peso meirande ao currículo dos tradutores en detrimento da puntuación reservada ao interese literario das obras presentadas.

O que si lle comentaron aos responsábeis da Administración, durante a rolda de consultas previa á convocatoria, foi a "conveniencia de valorar as traducións realizadas directamente dende a lingua orixinal por riba daquelas feitas a partir dunha lingua ponte". Por último, entenden que sería oportuno volver modular a contía das axudas en función da extensión das obras, un criterio eliminado na anterior convocatoria e que, nunha opinión partillada pola Asociación Galega de Editores, deu lugar a graves disfuncións.

Comentarios