'​O Corno', de Jaione Camborda, e 'Matria', de Álvaro Gago, daranse cita na Feira das Culturas Galegas

A Culturgal prepara a súa décima décimo sexta edición con especial atención ao audiovisual galego

Fotograma do filme 'O Corno', de Jaione Camborda. (Foto: Esnatu Zinema)
photo_camera Fotograma do filme 'O Corno', de Jaione Camborda. (Foto: Esnatu Zinema)

Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, ultima os preparativos para a súa décimo sexta edición, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro e prestará especial atención á "boa saúde" do sector audiovisual galego.

Segundo informou Culturgal, a feira conta cunha programación que reunirá máis de 100 actividades onde o público poderá coñecer as novidades editoriais, audiovisuais, novas propostas de artes escénicas, espectáculos de música en vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas vinculadas ao mundo da arte.

Entre estas actividades, atópanse unha serie de proxeccións e encontros que "toman o pulso dun sector audiovisual que atravesa anos dourados", indagando profundamente no local para contar historias universais.

Un destes encontros xira ao redor da película gañadora da Cuncha de Ouro, O Corno, da que se falará nun coloquio coa súa directora, Jaione Camborda, e a muller que a asistiu na conceptualización do filme, Anna Palazón. Así, o público coñecerá o proceso de documentación dun filme recoñecido polo "impactante e realista retrato da maternidade".

Outro dos coloquios que acolle esta feira levará a cabo ao redor de Matria, obra "fundamental", estreada no festival de Berlín e de Málaga. Nel, participarán o director, Álvaro Gago, a actriz protagonista, María Vázquez, e as mulleres nas que se inspiran as protagonistas da historia.

Por outra banda, Culturgal tamén contará con proxeccións, como a de Honeymoon, obra de Enrique Otero, que terá tamén o seu respectivo coloquio; e os avances de seis obras que, segundo afirma, "marcarán o próximo ano" dando conta da diversidade do cinema contemporáneo galego. Algunhas delas son Filmei paxaros voando ou Da túa man para a miña.

Animación

Segundo explica a organización, a animación tamén é unha disciplina con tradición na Galiza que "mantén unha calidade referencial, cun movemento autoral cada vez máis forte".

É por isto que na feira proxectarase a película de animación O soño da sultana, de Isabel Herguera, da que poderá verse o proceso de realización, así como tamén se presentará A guerra de Miguel, un documental de Eliane Raheb estreado no Panorama da Berlinale.

Comentarios