As culturas galega e portuguesa fanse valer na Fira Mediterrània de Manresa

Galiza e Portugal aterran na feira da raíz, a tradición e a cultura popular

Parte da delegación galega (aRitmar, Caamaño e Ameixeiras, Tanxugueiras, Playplan, SceneOff, Ialma) e portuguesa (Convergências Portugal Galiza, Castro Galaico Festival). (Foto: aRitmar)
photo_camera Parte da delegación galega (aRitmar, Caamaño e Ameixeiras, Tanxugueiras, Playplan, SceneOff, Ialma) e portuguesa (Convergências Portugal Galiza, Castro Galaico Festival). (Foto: aRitmar)

Manresa, en Catalunya, volveuse encher de música coa celebración da 26ª Fira Mediterrània, de músicas e culturas do mundo, coñecida pola cor e variedade nos proxectos. A feira, que decorre do 5 ao 8 de outubro, destaca pola internacionalidade das propostas e o papel da intelixencia artificial nos procesos creativos.

Con todo, a novidade deste ano é a presenza dunha delegación galego-portuguesa na sección Focus Galiza/Portugal, impulsada desde este outro extremo da península por entidades como Ari[t]mar, Luneda producións, Scene Off, Galician Tunes, Donaire, Culturactiva, Festiletras da Aldea do Couto ou Playplan.

Desta maneira, unha representación de iniciativas culturais e tamén de programadoras e profesionais de música e artes galego-portuguesas, xunto con músicas da galilusofonía, dan a coñecer esta fin de semana a creación artística da Galiza e de Portugal.

Así, a Fira pon este ano o foco en proxectos da Galiza e Portugal como o de Ana Lua Caiano, que estreará en Manresa o seu novo EP, Se dançar é so depois. Ou o da a banda galega Caldo, que realizou en Manresa un showcase. Nesta sexta feira o grupo presentou o seu novo traballo, Lugar a Ponte, publicado no pasado mes de maio.

Tamén están en Manresa esta fin de semana Caamaño&Ameixeiras. O dúo galego de música folk presenta este sábado un novo proxecto inspirado nos ritos populares galegos.

Fillas de Cassandra estréanse na noite desta sexta feira en Catalunya co seu primeiro LP, Acrópole, no que combinan a herdanza das cantareiras galegas, harmonías vocais e percusións tradicionais coa música electrónica máis actual.

Cindazunda, Fado Bicha, Mario G. Cortizo, Os do fondo da barra, Pongo e Sara Correia tamén participan nesta sección que valoriza as músicas de “máis aló da mediterrània”.

Músicas de raíz do mundo

A Fira Mediterrània de Manresa é o mercado estratéxico das propostas artísticas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo.

Trátase dunha feira multidisciplinar que propón tres grandes itinerarios na súa programación: un de música, coa escena mediterránea de músicas do mundo e música folk; un de danza, cunha mirada en movemento á raíz tradicional e á cultura popular; e un de memoria, legado e narración oral, coas propostas de artes escénicas e de rúa, especialmente de teatro e circo, que beben da cultura popular.

Paralelamente, a lonxa profesional actúa como espazo de encontro e intercambio, converténdose nun punto de contacto e compraventa tanto do sector das artes escénicas como da música.

Comentarios