A Costa da Morte lembra o 'City of Agra' cunha programación cultural

Unha exposición mostrará a historia deste naufraxio que conmocionou a costa galega. Música, roteiros e unha exposición servirán de homenaxe, tamén, para a poboación que acolleu aos superviventes.
Recreación da Arribada en 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Recreación da Arribada en 2021 (Foto: Nós Diario).

A parroquia de Camelle e o lugar de Arou, en Camariñas, vestiranse de gala do 8 ao 10 de xullo para lembrar o naufraxio do buque City og Agra. O evento lembra o seu afundimento, un buque mixto que saíu de Glasgow e afundiu na medianoite do 3 de febreiro de 1897 cunha tripulación de 71 homes fronte á entón aldea mariñeira de Arou. Salváronse 30 persoas acollidas pola súa veciñanza. 

Será a terceira edición dun programa cultural especial que este ano comezará esta sexta feira cunha Feira Mariñeira (11 horas) no paseo marítimo e a inauguración da exposición City of Agra, 125 anos na memoria (11.45 horas).

Pola tarde realizarase unha visita guiada á mesma (19 horas) e farase entrega dos premios do III Concurso de Escafandros Virtuais, a Palillada Teatralizada e o concerto de Serj (23.30 horas).

Xa o sábado, terá lugar un roteiro animado dos náufragos do Agra que comezará ás 10.30 horas en Arou, para rematar ás 13.30 horas no Campo do Santo de Camelle. Pola tarde, dará comezo ás 20.30 horas unha gran foliada, onde actuarán no Escenario Teatro, os grupos  Baile Camelle, Jolpe de Mar, Abrindo o rejo, Trubisquiña, Vaiche Boa e Mar Devalado.

Ás 22.30 horas principiará un dos actos máis simbólicos: a recreación da Arribada dos náufragos do City of Agra ao porto de Camelle que dará paso sobre a medianoite ao concerto do grupo Os Melidaos. 

O domingo será a homenaxe no monumento da áncora do Paseo Marítimo aos náufragosda Costa da Morte (12.30 horas) para seguir co acto de entrega de medallas por parte do vicecónsul británico aos tres patróns de Camelle que tripulaban as embarcacións que salvaron a 30 náufragos británicos.

Sobre as 13 horas finalizarán os actos cun pasarrúas de despedida aos náufragos que embarcarán rumbo ao porto da Coruña, a bordo do vapor Pepe da Cía Barbeito. 

Comentarios