Dolores Lema: "O alumnado da Escola de Encaixe de Camariñas asegura o futuro da tradición"

Despois de dous anos en que a pandemia de Covid-19 e as medidas sanitarias que se derivaron dela impedisen unha celebración normalizada, a Mostra de Encaixe de Camariñas chega á súa 31ª edición cun regreso á normalidade que non renuncia a novidades como VodaEncaixe. Dolores Lema, directora da Mostra, afirma estar feliz por volver ás datas de sempre e fechar esta paréntese de dous anos. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, dirixe o encontro desde hai vinte anos e segue tan ilusionada como o primeiro día.
A camariñá Dolores Lema, dirixe a Mostra do Encaixe desde hai dúas décadas. (Foto: Cedida)
photo_camera A camariñá Dolores Lema, dirixe a Mostra do Encaixe desde hai dúas décadas. (Foto: Cedida)

A maior novidade desta edición é que se volve ao de sempre, non?

Xusto. Despois destes anos de pandemia, volver ás datas de sempre, en Semana Santa, e á estrutura habitual é case unha aventura, un reto que nos fai moita ilusión. Ademais, a propia pandemia fíxonos ver o mundo doutra maneira e agora creo que lle damos máis valor ao local, ao que temos ao lado e ao mundo rural.

Volven as datas de sempre e volven as delegacións internacionais.

Si, neste ano, no que aínda as cousas non están de todo ben en moitas partes do mundo, non veñen, como noutras edicións, delegacións de fóra de Europa. Mais, para estar na situación que estamos, virán representacións de dez países, que é un número moi salientábel para estar na situación na que estamos.

De que países veñen?

De dez: Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Polonia, Suíza e República Checa. Ademais veñen dúas delegacións de Italia -de  Novedrate, cidade coa que estamos irmandados, e de Trápani- e outras dúas desde Portugal: unha de Peniche -coa que tamén estamos irmandados- e outra de Serra d'el Rei.

Mais aínda así hai outras novidades como o espazo VodaEncaixe.

Si, é un espazo ideado para as parellas que teñen pensado casar, e no que van atopar vestidos de noiva de deseño, pero tamén vehículos clásicos da firma Alebura -agora que está de moda facer fotografías en coches deste tipo-, arranxos florais, complementos, fotografía...Iniciamos a nova sección con empresas locais para subliñar o valor do próximo. Pensamos que é un espazo que vai ter desenvolvemento brillante no futuro.

E ademais, chega a súa segunda edición ArtEncaixe.

Este espazo que creamos o ano pasado, con grande éxito, consiste en integrar o encaixe de Camariñas coa artesanía galega, cun cento por cento de expositores do país. O obxectivo é  conseguir pezas duplamente artesás: se a unha peza de olaría de Buño, por exemplo, lle engades outra de encaixe de Camariñas, tes unha peza cun valor engadido que se duplica.

PequEncaixe, ademais de dar cabida á cativada na Mostra, é tamén unha forma de asegurar a continuidade da tradición...

PequEncaixe é o relevo xeracional, e tamén é a alegría e a ilusión no seu grao máximo. A Escola Municipal de Encaixe ten unha media anual de cincuenta nenos e nenas que están aprendendo a palillar e ese futuro é xa indiscutíbel. E á hora de mostrar os seus traballos na pasarela, hai unha felicidade e unha ilusión especiais. O alumnado séntese protagonista, toma moi en serio o seu traballo e é moi esixente cando teñen que mostralo ante o resto da vila. Especialmente os máis pequenos.

Están os máis pequenos, mais tamén moita mocidade participando na organización.

Camariñas debería facer unha bandeira para o voluntariado, porque desde a primeira edición foron os voluntarios e voluntarias os que fixeron posíbel que a Mostra sexa hoxe o que é. Hai persoas que están en posicións moi visíbeis mais tamén moitas outras que traballan motísimo sen que o público as vexa, e cuxo labor é igual de importante.

Son unhas cincuenta persoas en cada edición que, xunto coas palilleiras, forman os piares fundamentais da Mostra de Encaixe de Camariñas. Eu sempre digo que sen os voluntarios e voluntarias, non habería Mostra.

Comentarios