Unha grande exposición retrospectiva reúne as múltiples facetas de Luis Caruncho

Baixo o comisariado do especialista en arte contemporáneo Juan de Nieves, unha exposición aborda de maneira simultánea todos os campos traballados polo artista coruñés, da arte máis recoñecida ao deseño de obxectos cotiás.
A mostra exhibe obras realizadas en diferentes técnicas.
photo_camera A mostra exhibe obras realizadas en diferentes técnicas.

Esculturas, pinturas, deseños en aceiro, pezas en madeira ou fotografías. É parte do que poderán ver os asistentes á exposición retrospectiva dedicada á obra de Luis Caruncho, na Coruña, Geometria Mundi. Afundación organiza na cidade natal do artista unha exposición que permite aos visitantes realizar unha inmersión no mundo creativo do pintor e escultor a través de máis de 100 obras concibidas durante sesenta anos de traxectoria. 

A mostra, que se inaugurou onte pola tarde coa presenza do comisario, Juan de Nieves, a viúva de Luis Caruncho, Tatiana Ribic, e Pedro Otero, director xerente de Afundación, poderá visitarse até o 17 de febreiro. 

Caruncho. Geometria Mundi exhibe un percorrido global pola obra do artista en formatos e técnicas diferentes, ademais de multitude de pezas de carácter documental que reflicten o universo creativo dun dos artistas máis coherentes e interesantes do panorama artístico peninsular do século XX.  

Tal e como expón o comisario da mostra, Juan de Nieves, a exposición foi construída emulando "o mesmo espírito" co que Luis Caruncho "viviu e traballou", indo "desde o micro ao macro". De Nieves destaca que o polifacético artista plástico coruñés disolveu coa súa obra "as fronteiras entre a arte con maiúsculas e as formas que nos acompañan na esfera cotiá, poñendo de relevancia, en definitiva, unha visión honesta e desprexuiciada sobre a función social da arte". 

A figura de Luis Caruncho (A Coruña, 1929 – Madrid, 2016) constitúe unha das personalidades de maior relevancia na escena artística e cultural na segunda metade do século XX. As súas contribucións non só se cinguen á súa actividade como pintor e escultor da chamada abstracción xeométrica -ou do postconstrutivismo-, senón tamén ao seu labor como deseñador nun amplo rango de campos e, moi especialmente, nas súas continuas achegas desde e para a arquitectura. 

Ao longo da súa carreira, Caruncho investigou incansabelmente sobre a liña, o espazo e a cor, tanto na súa obra pictórica como nas súas esculturas e gravados, xerando un corpus de traballo baseado na repetición e as series, e desde unha estrita fidelidade ao principio reitor da xeometría como método para interpretar o mundo. Con esa mesma visión, proxectou e desenvolveu tamén os seus traballos de deseño, arquitectura, escenografía e interiorismo, sen estabelecer xerarquías entre a súa produción artística e as múltiples aplicacións no resto dos ámbitos nos que afondou. 

Comentarios