Contracultura

Miguel Gómez Abad: "Ás veces, o sinxelo pode funcionar tan ben como unha curta feita por vinte persoas"

Miguel Gómez Abad, director, debulla a súa última curta, '42º 47' 38.9'' N – 8º 30' 15.8'' O', premiada no LAV.mov. 2021 (Vedra) e no Festival RIR (Allariz). Refírese nesta conversa aos procesos creativos baixo presión, á precariedade e á emerxencia da competencia no sector, aínda que, como afirma, “estou a favor de que aumente a calidade e de que haxa máis xente competindo con novas ideas”.
Miguel Gómez Abad é o director de '42º 47' 38.'' N – 8º 30' 15.'' O'. (Foto: Coral Piñeiro)
photo_camera Miguel Gómez Abad é o director de '42º 47' 38.'' N – 8º 30' 15.'' O'. (Foto: Coral Piñeiro)

—Como xorde 42º 47' 38.9'' N – 8º 30' 15.8'' O?
No LAV.mov fan unha especie de concurso que consiste en rodar unha curta en 48 horas en determinadas localizacións e sobre un tema en concreto, neste caso, o retorno. Ás seis persoas que participamos sempre nos gustou o reto de gravar contra reloxo. Este ano creo que será a cuarta edición e oxalá sigan organizando o concurso durante moito tempo porque xorden cousas moi chulas.

É divertido, aínda que pode provocar bastante frustración se quedas sen ideas. Gústame traballar con esa presión sa e sobre todo o feito de que todo o mundo parta das mesmas condicións. É certo que alguén pode ter mellor material, mais creativamente falando tes o mesmo tempo para facer as cousas. Nos últimos catro ou cinco anos na Galiza estanse facendo moitos concursos deste tipo, é moi interesante.

—Entón o panorama audiovisual vai a mellor?
Non quero romantizar a precariedade. Si que diría que se lle están dando máis oportunidades á xente nova ou cartos para facer cousas. Aínda que sexan de forma simbólica mais, xa que non vas gañar nada polo menos para non perder cartos. Tamén é certo que está subindo moito o nivel na Galiza. Igual hai anos cunha peza pequena chegabas a moitos máis sitios que agora, mais eu estou a favor aínda que ás veces sexa eu o que queda fóra. Estou a favor de que aumente a calidade e de que haxa máis xente competindo con novas ideas. 

—A curta estivo no Galician Freaky Festival de Vigo. É un xénero co que traballa?
Non sei se friki, mais todo o meu traballo coquetea co xénero fantástico e coa ciencia ficción. Gústame moito o realismo máximo tamén. Non podo explicar o por que, ao mellor porque a nivel imaxinativo constrúes todas as regras e non é o mesmo que crear un drama histórico onde xa estás restrinxido. Tamén pode ser porque sempre consumín moita literatura fantástica, así como no cine e nas series. Igual por activa ou por pasiva acabas por derivar cara o que consumes. O cal non quere dicir que non desfrute cos dramas ou co cine histórico, mais sempre o mirei con moito máis respecto. No mundo fantástico penso que podes xogar máis.

—A curtametraxe tamén foi premiada no Festival RIR. Cal é a chave para unir comedia e fantasía?
É complicado. Saíu así porque todas as persoas que participamos no proceso creativo puxemos algo de nós nela. Cando escribo eu só sempre acabo inclinándome cara a cousas máis grises e lúgubres.

Neste caso penso que foi un proceso natural porque somos conscientes de que a comedia funciona moi ben nos festivais. A curta fala dun antiheroe ao que botaron e que está agardando para volver: é rirse das desgrazas. A min gústame moito a comedia, mais atópoa moi complicada. É difícil facer rir porque cada un ten o seu sentido do humor. Considero que é para profesionais e xente moi talentosa que saiba enfiar as cousas.
Ademais, inflúe que xa nos coñecemos as persoas que participamos nesta curta. É un gusto traballar con xente coa que levas tempo, que te entendedes con ela e que ás veces cun xesto xa saben o que queres ou por onde hai que ir.

Neste caso, a confianza é positiva porque a xente xa coñece as túas debilidades e fortalezas e non é necesaria a comunicación que faría falta se comezades desde cero, algo importante cando hai tan pouco tempo. Nós estamos moi contentos de que unha peza feita en 48 horas saíse tan rendíbel porque xa gañou concursos e estivo en festivais. Ás veces o sinxelo pode funcionar tan ben como unha curta feita por vinte persoas. Se dás feito esta curta tamén fala moi ben do que podes chegar a ser a nivel profesional, porque quere dicir que es resolutivo e que tes capacidade de enxeño.

Comentarios