A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico mira ao 'rururbano'

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego terá lugar do 15 ao 21 de marzo.
O cineasta Bruno Arias (Foto: Miguel González)
photo_camera O cineasta Bruno Arias (Foto: Miguel González)

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego logra este ano a maioría de idade. A cita, do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, abre a temporada anual de festivais e mostras galegas de cinema. 

Esta edición da MICE, a sétima como festival internacional con seccións competitivas, estará centrada na 'rururbanía'. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais. O 'rururbano', analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será o tema que artelle a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galiza e Internacional), até as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como as accións formativas e o resto das actividades paralelas. 

Tamén a imaxe da MICE elixida para este 2023 está inspirada no concepto da rururbanía. A novísima creadora Coral Piñeiro é a artífice do cartel, así como da peza audiovisual promocional desta décimo oitava edición.

 

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ofrecerá, ademais, unha programación específica dirixida ao público escolar, no marco da MICE Petís. Unha proposta coordinada polo Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo e o cineasta vigués Bruno Arias, para achegarse, a través do audiovisual e o documental de non ficción, á visión da xente moza sobre a cultura e as tradicións galegas.

Para iso, nesta edición ponse en funcionamento un programa piloto co alumnado de tres institutos galegos e co grupo mozo do centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago de Compostela. Realizarán o proceso creativo dunha curta etnográfica, desde a idea até a edición final. O resultado do programa proxectarase o 31 de marzo. 

 En paralelo, un ano máis, haberá sesións virtuais para os centros educativos que o soliciten. A partir do 14 de marzo e até final de curso poderán acceder a unha escolla de filmes etnográficos proxectados nestas dezaoito edicións da MICE, tramitando as solicitudes en [email protected]

 

MICE sustentábel 

A MICE, en cumprimento do Pacto Cultura Sustentábel, mantense como evento accesíbel, a prol da sostibilidade medioambiental e artellado desde a perspectiva de xénero. Repite cun equipo eminentemente feminino, desde a dirección, en mans de Ana Estévez Lavandeira, até a produción e a programación, cunha ampla representación de cineastas en toda a grella e cunha sección -Impropias- dedicada especificamente a elas.

Comentarios