Un concurso de ideas impulsará a rehabilitación de Santa Clara
A Deputación de Pontevedra convocará un concurso internacional de ideas para definir como se realizará a rehabilitación do convento de Santa Clara para incorporalo ao Museo de Pontevedra. Anunciouno onte o vicepresidente desta institución, César Mosqueira, nunha visita ás antigas instalacións das clarisas xa preparadas para iniciar as sondaxes arqueolóxicas e os estudos de paramentos e historiográficos.
O responsábel político do Museo manifestouse convencido de que se presentarán "os mellores especialistas do mundo en museos para ver que posibilidades hai de organización", achegando as mellores solucións posíbeis para o uso do edificio como museo.
En canto aos prazos, Mosqueira afirmou que o obxectivo é ter información suficiente do estudo arqueolóxico e histórico artístico de cara a setembro-outubro para poder concretar as bases sobre as que abrir o certame.
Sobre iso, no contrato dos estudos estabeleceuse unha cláusula pola que a empresa adxudicataria terá que informar en tempo real dos achados.
Os "pequenos tesouros"
Após realizar traballos de limpeza nas distintas dependencias do convento, segundo o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, agora pódense visualizar moito mellor e facilitar a realización das sondaxes. Nelas estase a facer unha escolma de "pequenos tesouros" a conservar entre os moitos entullos e residuos acumulados durante os 700 anos de uso das clarisas na súa "cápsula do tempo". Entre as pezas conservadas están elementos tales como móbeis, recipientes, baúis ou enreixados.
Finalmente, o concelleiro de Patrimonio Histórico de Pontevedra Xaquín Moreda anunciou que seguirá a programación cultural no convento.