Obradoiro de narración do SNL de Vigo

'Reinventar a tradición', en liña e con Paula Carballeira

Esta quinta feira púxose en marcha, dese o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) de Vigo o obradoiro “Reinventar a tradición”, impartido pola contadora Paula Carballeira. Trátase, como marca a actual situación sanitaria e as restricións promovidas para frear a expansión da Covid-19, dun curso que se imparte en liña, a través da aplicación de videoconferencia Jitsi, e que se desenvolve os días 4, 5, 11 e 12 de febreiro, de 17 a 20 horas.
paulacarballeira
photo_camera A contadora Paula Carballeira nunha actuación en Cáceres. (Foto: Nós Diario)

"A estrutura e a simboloxía dos contos tradicionais poden converterse en boas aliadas das persoas que se dedican á narración oral no século XXI, unha época onde se mira máis cara ao futuro que cara ao pasado".

Así se anunciaba o programa do obradoiro de narración oral que Paula Carballeira imparte de modo telematico para o Servizo de Normalización Lingúística de Vigo e que hai semanas que completou as prazas, que eran 15 as previstas inicialmente e que "se duplicaron", explica a Nós Diario Paula Carballeira.

Así, de Reinventar a tradición forman parte unha trintena de persoas "de moi diversos gremios", desde as artes escénicas, a docencia...

Para afondar no significado da e na mecánica da narración oral en pleno século XXI, para dar as chaves desta disciplina no terreo da arte escénica, o traballo coa memoria e a súa recuperación e "cuestións máis técnicas" da execución á hora de contar, matiza Paula Carballeira.

A narradora tamén destaca a necesidade de realizar este tipo de obradoiros en liña, que "sempre o fixera de modo presencial, porque a expresión da xente, a expresividade corporal, trabállase ao vivo", mais o feito de que tivese que virtualizarse a materia, "tamén deu lugar a que se anotase moitísima xente, porque non precisas vivir en Vigo ou nas proximidades para poder asistir", conclúe.

A interrupción cultural

Coa suspensión da actividade escénica na Galiza, Paula Carballeira tivo que adiar ou suspender as súas actuacións ao vivo, pois a virtualidade "penso que os programadores xa se decataron que é unha solución momentánea".

E mentres se supera o "momento", a súa faceta de narradora, na escrita, colleita éxitos como a inclusión da tradución ao castelán de Un fermoso ovo branco, nas 100 recomendacións da Fundación Cuatro Gatos ou lograr a final, promovida por Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), do premio Alma da Fundación Asrid Lindgren.

Comentarios