Carvalho Calero, fornecedor de pezas clave para o teatro, a poesía e a narrativa

A Federación Galiza Cultura promove unha conferencia de María Pilar García Negro e Manuel Castelao Mexuto para homenaxear ao escritor Ricardo Carvalho Calero, ao que consideran que non se lle fixo xustiza por non prolongar un ano as Letras Galegas que se lle dedicaron.
Un instante da conversa entre Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro. (Foto Nós Diario)
photo_camera Un instante da conversa entre Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro. (Foto Nós Diario)

O día das Letras Galegas deste ano é para Xela Arias, mais diferentes colectivos e institucións culturais continúan a reivindicar o dereito do escritor Ricardo Carvalho Calero a que se homenaxee a súa figura. A última en lembrar que o ano pasado a pandemia truncou practicamente toda a axenda de actividades prevista desde distintas organizacións foi a Federación Galiza Cultura.

"Demandamos das institucións que se prolongara até este ano esa conmemoración como se está a facer coa maioría dos eventos (véxase o Xacobeo) mais non obtivemos resposta favorábel", lamentaron a diferencia de trato nas súas redes sociais.

Para dar a coñecer, pola súa conta, máis sobre o autor ferrolán, a entidade organizou unha palestra en liña. "Quixemos facer esta celebración máis unha vez, pero vímonos na obriga de aprazala e cancelar as actividades presenciais agardando mellores circunstancias, mais non podemos adiar por máis tempo a nosa homenaxe e difusión, tan necesaria, deste persoeiro a quen tanto debe a nosa lingua e cultura", xustificaron.

E María Pilar García Negro e Manuel Castelao Mexuto, dous dos expertos neste creador, falaron e falaron con paixón da traxectoria de Carvalho, que brindou pezas de narrativa, teatro e poesía, así como crítica literaria, ao patrimonio cultural galego.

Coa intervención inicial de María Victoria Carvalho-Calero Ramos para agradecer esta nova lembranza, as expertas aludiron a distintas facetas da obra do que tamén foi profesor. Desde o punto de vista de García Negro, o decorrer da vida do escritor tivo moita relación con "acontecementos históricos decisivos". Desde o seu nacemento o mesmo ano que se deixou ver o cometa Halley até o seu pasamento o seu carácter e, en consecuencia a súa base como creador, foron facéndose coa "primeira Guerra Mundial, a ditadura militar de Primo de Rivera, a II República, o tormento e a tormenta da Guerra Civil...".

Carvalho, reflexionou a escritora, sufriu directamente a represión e tamén viu a monarquía, a Constitución e o Estatuto de Autonomía da Galiza, fitos todos eles que foron "determinantes na vida e na obra".

Aposta no nacionalismo

Deixou pegada, igualmente, a súa "ausencia forzosa da terra, á que non volveu até 1941" a súa estadía de dous anos no cárcere "condenado por separatista". Pero eses feitos non fixeron outra cousa, explicou, que reafirmar as súas "conviccións democráticas e nacionalistas". Xa estivera en contacto con referentes do galeguismo como Risco, Castelao, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas.

Houbo un tempo no que non lle foi posíbel publicar pero "seguiu cultivando a arte literaria galega", mesmo despois da xubilación como docente. Neste sentido, Castelao Mexuto destacou a faceta do ferrolán como autor teatral e criticou que nin nas Letras Galegas que eran para el o Centro Dramático Galego escollese representar unha das súas obras, pois a programación era anterior á pandemia.

Teatro e narrativa

"El non escribía teatro para ler", indicou, pois o que quería era introducir ao público e que fosen pezas representadas. Alude ao ano 1948, cando a pesar de estar nunha mala situación foi quen de "escribir tres pezas e dúas de gran calidade".

"Consegue que a penuria que o abafa non afecte; non é unha fuxida senón unha forma de protestar activamente e anticipar unha Galiza diferente", reflexiona o conferenciante, que louva a facilidade de Carvalho para coller cada tradición da escrita e reelaborala á súa conveniencia.

Tamén cultivou a narrativa, como lembrou García-Negro, repasando os títulos dalgunhas das súas pezas máis significativas. Por exemplo, falou da novela do 51, que presentou en galego en "tempos de absoluta miseria e represión" á lingua porque o franquismo retomou esta animadversión. Aliás, Ricardo Carvalho Calero foi un "gran orador" e "sentíase e era un poeta", engadiu Castelao Mexuto. E o seu papel como crítico literario foi outro traballo que sumar á súa extensa actividade e traxectoria vital.

A conferencia na que foron repasadas todas estas cuestións vincúlase á xornada Carvalho, Lingua e Terra, para a que tamén se editou unha banda deseñada do autor Pepe Carreiro.

Comentarios