Anxos Fazáns, directora de cine

“Sinto a necesidade de que haxa máis personaxes femininas ben construídas”

Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992) escribiu, dirixiu e editou proxectos cinematográficos propios en diferentes formatos. Fitas que a levaron ao Festival de Cans ou ao Carballo Interplay. Fai un descanso para conversar con nós de cine nunha das longas xornadas de rodaxe da que é a súa primeira longametraxe: A estación violenta, unha película de Matriuska Producciones baseada na novela homónima de Manuel Jabois e que ten como protagonistas Alberto Rolán, Nerea Barros e Xosé Barato. Reproducimos un extracto da entrevista.

2017053119130992628

Con 25 anos recentemente cumpridos e dirixes a túa primeira longametraxe. Como xorde o proxecto?

Ao rematar o Máster de Dirección na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya, en Terrassa, tiña a opción de intentar ficar alí e buscar contactos alí, pois hai bastante traballo en Barcelona saíndo da ESCAC. Mais eu sempre quixen traballar na Galiza e crear desde aquí. Na Galiza tiña algúns contactos, coñecía algunha xente dalgún traballo que fixera, e decidín volver. No último ano da carreira, fixera as prácticas no equipo de dirección de Las altas presiones, unha película de Ángel Santos, e foi unha experiencia moi enriquecedora. Cando voltei, comecei a colaborar en curtas como auxiliar de dirección, nun spot da Volta Ciclista... e, á vez, iniciei conversas con Daniel Froiz, produtor de A estación violenta. El estaba co proxecto en marcha, mais faltáballe directora ou director. Estaban mercados os dereitos das novelas e traballaban nese momento no guión. Pasoumo para que lle dese a miña impresión, gostou das miñas achegas e propúxome ser a directora.

4E como fraguou esa colaboración?

Soubemos que A estación violenta sería un feito en setembro de 2015, cando a Agadic, após pasarmos todo o verán preparando o dossier sobre a longametraxe, nos confirma a subvención. Eu tiña moitas ganas. No máster fixera unhas curtas cun acabado potente, aínda que non deixan de ser traballo de escola. Cando Dani [Froiz] me pregunta se estou disposta a dirixir unha película, díxenlle que si, non o dubidei. E iso que facer unha primeira longa é un risco moi grande. Se non conectaba co proxecto, non o ía facer, porque unha longa é algo moi complexo: leva tempo e só tes un disparo; é dicir, hai que escollela ben, sobre todo, a primeira.

Trátase dunha novela adaptada. Foi moi dificultoso o traballo de adaptación?

Somos catro guionistas, pero antes de entrar eu no proxecto xa o traballaran Dani, Ángel Santos e Xacobe Casas. Cando Dani me pasa esa primeira versión, engánchome; engánchome moito cos personaxes, porque a historia ten moita relación con cousas que a min me interesan. As relacións entre personaxes son moi complexas e moi íntimas, pero nárranse de forma sutil, sen evidenciar nunca os feitos nin as relacións entre eles. A partir de aí, comezo a traballar no guión. Estiven máis dun ano traballando eu soa até facelo meu, porque esta produtora sempre traballa con produtos de autor e insistían na necesidade de facer meu o guión. Esa primavera, a de 2016, gravamos unha curta, con esa mesma produtora e con gran parte do equipo, como a actriz Nerea Barros, ou o director de fotografía, Alberte Branco, simplemente para non enfriar e non pasar moito tempo sen rodar nada.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 248, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios