Cando Vigo estaba no centro dos debates sobre a fotografía contemporánea

O recentemente desaparecido Sebastião Salgado estivo en Vigo fotografando a cidade desde o seu particular punto de vista. Pero as fotos —como as do outro medio centenar de fotógrafos que participaron no proxecto Vigovisións— permanecen fóra da vista da cidadanía por inexplicábeis decisións políticas. 
Obra de Gabriela Iturbide para Vigovisións. (Foto: Gabriela Iturbide)
Obra de Gabriela Iturbide para Vigovisións. (Foto: Gabriela Iturbide)

O pasado 23 de maio falecía, aos 81 anos, o fotógrafo Sebastião Salgado, considerado un dos mellores fotógrafos do século XX e o que vai do XXI. O veredicto é universal e unánime: Salgado merece de seu un capítulo na historia da fotografía. Elevou o fotoxornalismo á categoría de arte, foi un mestre no uso do branco e negro e deixou testemuño coa súa obra dos grandes temas contemporáneos: as migracións, o traballo escravo, a protección do medio natural. A ética e a estética fusionábanse nas súas imaxes.

O que xa sabe menos xente é que Salgado expuxo en Vigo cando o seu nome aínda non era excesivamente coñecido fóra do ámbito da fotografía e do xornalismo. E non só expuxo: pasou uns días na cidade olívica para crear unha serie de fotos que retrataban a vida urbana baixo o prisma da súa mirada..

Retrocedamos no tempo. En 1984 nacía en Vigo a Fotobienal, un festival fotográfico que daba a coñecer e difundía a obra dun xénero que aínda non estaba integrado nos circuítos da arte contemporánea. A Fotobienal viguesa participaba dunha explosión de festivais e encontros que se estaba dando en todo o mundo e que tomaban como referencia os Rencontres Internationales de la Photographie de Arles.

Todo naceu da man de Xosé Luís Suárez Canal, Vítor Vaqueiro e Manuel Sendón, que tras a primeira edición crearon o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), abandonado pouco despois por Vaqueiro. A Fotobienal viguesa tivo unha vocación decididamente galega: a programación facíase desde a Galiza e para a Galiza, mais rompendo a dinámica localista que imperaba na altura: recuperar a historia da fotografía galega e dar a coñecer a obra dos artistas do país conciliábase coa vontade de difundir as principais tendencias contemporáneas de todo o mundo. 

Así, xunto a obra de fotógrafos históricos como Luís e José Sellier, Ksado, José Veiga Roel, José Suárez, Manuel Ferrol, Pacheco, Llanos ou Raniero Fernández -sen esquecer que o redescubrimento de Virxilio Viéitez tivo lugar na séptima edición-, expuxeron na Fotobienal fotógrafos que comezaban daquela a súa traxectoria profesional e que hoxe son firmas recoñecidas: Xulio Gil, Delmi Álvarez, Manuel Vilariño, Xurxo Lobato, Manuel Vicente, Vari Caramés ou Vítor Vaqueiro entre moitos outros.

Pero o que quizais sorprenda máis é a nómina de fotógrafos internacionais que estiveron presentes nas nove edicións do encontro: William Klein, Martin Parr, Peter Witkin, Javier Vallhonrat, Olivo Barbieri, Cristina García Rodero, Nan Goldin, Allan Sekula, William Eggleston, Larry Fink, Aziz+Cucher, Cindy Sherman, Joan Fontcuberta e outros moitos nomes cuxa soa mención fai salivar a calquera afeccionado a esta arte.

"Hoxe farían falta cantidades astronómicas para xuntar esta obra", explica Manuel Sendón en conversa con Nós Diario. "Pero hai que ter en conta que naquel momento a fotografía non tiña a consideración que ten agora".

Porén, a selección realizada polos comisarios revelouse acertada: a práctica totalidade dos fotógrafos que participaron na Fotobienal son agora considerados como figuras relevantes. 

"Estabamos bastante informados e a nosa selección non quixo apostar por unha liña concreta senón reflectir diferentes formas de traballo por todo o mundo".

Sobre o que representaba esta lista de sinaturas, cabe lembrar, por exemplo, que a célebre serie A balada da dependencia sexual, de Nan Goldin, exhibiuse por primeira vez no Estado na cuarta edición da Fotobienal viguesa: terían que pasar once anos para que se puidese ver en Madrid, con gran rebumbio mediático.

"Poderíanse citar moitos casos coma ese. A primeira exposición monográfica de William Klein no Estado fixémola nós, quince anos antes da seguinte. E William Eggleston ou Martin Parr, que viñan introducindo de forma definitiva a cor dentro da fotografía de creación, tiveron a súa entrada no Estado por Vigo... Fomos creando un prestixio, de forma que  moitos artistas aceptaban participar na Fotobienal por cantidades que eles gañaban coa venda dunha soa obra".

Vigovisións

No marco da Fotobienal nace o proxecto Vigovisións, que consistía en invitar a fotógrafos de diferentes países e estéticas a traballar en Vigo con total liberdade. "Estaban uns dez días na cidade traballando. Non se trataba tanto fe facer unha fotorreportaxe, senón de que esta aparecese reflectida nas súas obras na medida en que fose pertinente para os seus proxectos", apunta Sendón.

 As obras resultantes mostráronse nas diferentes edicións do encontro, e pasaban a formar parte da colección fotográfica do Concello de Vigo, actualmente depositada en el Marco.

Un tesouro agochado

Dentro deste proxecto é no que se enmarca a visita de Sebastião Salgado. Xunto ás súas fotos, atópanse as de Allan Sekula, Aziz + Cucher, Carole Condé / Karl Beveridge, Cristina García Rodero, Daniel Canogar, Joan Fontcuberta, John Davies, Larry Fink, Les Krims, Manfred Willmann, Manuel Vilariño, Marco Saroldi, Paul Den Hollander, Paul Graham, Paul Reas, Ricard Terré, Ruth Thorne-Thomsen, Vari Caramés, Vincenzo Castella, Wilmar Koenig, Wojciech Prazmowski... até completar unha lista de 51 fotógrafos de primeira orde que deixaron 625 imaxes, actualmente custodiadas no MARCO.

Un auténtico tesouro que, porén, permanece fóra da mirada da cidadanía. "Nós tiñamos un proxecto para abrir a Casa da Fotografía, apoiada polo consistorio presidido polo nacionalista Lois Castrillo. Pero nas seguintes eleccións, nas que o PSOE se fixo coa alcaldía, Carlos Príncipe, que estaba ao cargo de Cultura, eliminou o proxecto polo simple feito de que o asociaba co anterior goberno municipal.

A historia repetiuse anos despois, cando o actual alcalde, Abel Caballero negouse a continuar o proxecto do Centro Galego da Fotografía, auspiciado por Xesús López, concelleiro de Cultura da cidade na altura. Inexplicabelmente, Caballero, en canto obtivo a maioría absoluta, desbotou o proxecto e cedeu o edificio á Deputación de Pontevedra.

"Eran proxectos que podían dinamizar a cidade e facer partícipe a Galiza nos debates sobre fotografía a nivel mundial. Pero son cousas da política de mirada estreita", conclúe Sendón.

Comentarios