O elocuente silencio de Manuel Vilariño

O Museo de Belas Artes da Coruña acolle até o vindeiro 13 de novembro, a intervención de Manuel Vilariño 'After the Whale', na que a súa obra dialoga coas pezas da colección permanente e levando a cabo unha revisión dos xéneros artísticos tradicionais como paisaxe, retrato, natureza morta ou nu. 
Pezas de Manuel Vilariño en diálogo con obras da colección do Museo de Belas Artes. (Foto: Museo de Belas Artes da Coruña).
photo_camera Pezas de Manuel Vilariño en diálogo con obras da colección do Museo de Belas Artes. (Foto: Museo de Belas Artes da Coruña).

Se cadra teñen razón os que afirman que a arte sempre é unha reflexión sobre a morte. E se cadra, tamén a teñen os que opinan que por atrás de todo memento mori -esa admonición que nos lembra a fugacidade da vida- sempre se atopa un carpe diem -a invitación a gozar do momento- que equilibra a visión da existencia.

Vida e morte entrelázanse no proxecto que Manuel Vilariño expón no Museo de Belas Artes da Coruña: incorpora 51 das súas obras á colección do museo para que dialoguen coa tradición, con xéneros como a paisaxe, a natureza morta ou o nu. Tanto nas salas de exposicións temporais coma nas da colección permanente, pódense contemplar pezas do artista.

Vilariño é un fotógrafo, mais tamén é un poeta, e os límites entre unha disciplina e outra non están definidos: as súas imaxes destilan ese sentimento de enigma simbólico que só a verdadeira poesía é quen de transmitir. Un diálogo coa luz que interroga o público e que, enfrontado ao resto das obras do museo, proporciona as claves para reconstruír a mirada sobre a arte

After the Whale presenta un total de 51 obras -fotografías, vídeos, partituras, libros, esculturas e instalacións- que nos obrigan a repensar as categorías baixo as que clasificamos os xéneros artísticos, a crebar as fronteiras que demarcan o clásico e o contemporáneo. 

Despois da balea

A obra de Vilariño parte dalgúns conceptos que axudan a contextualizar esta intervención: a noción poética rilkeana do aberto, mirar a natureza cos ollos do animal; o concepto de Jabés de extrema escoita confrontada ao silencio.

Quizais a procura de sinais que axuden a descansar dunha civilización exhausta, dunha mirada que nos permita volver a atopar o sagrado nun mundo cada vez máis secularizado no peor sentido da palabra, que nos deixe recuperar a calma que o acelerado ritmo de hoxe nos sustraeu.

A balea do título, está presente na exposición a través do esqueleto dun cetáceo cedido pola Sociedade Galega de Historia Natural ou dos cantos gravados no Atlántico Norte que se mesturan cos versos de A terra baldía de T. S. Eliot.

Unha balea que talvez agocha algún segredo no seu ventre e que -de novo o momento mori- podería desaparecer como especie. Como reaccionar ante o anuncio desa desaparición? Que quedará despois da balea? Ou, que lle queda a Ahab despois de capturar a Moby Dick?

Contra a banalidade

As referencias básicas da obra do artista van desfilando polos ollos do público ateigados de suxestións: os paxaros e o seu canto, a música de Messiaen, un resto de froita, un animal aforcado, a candea que pouco a pouco consume o seu tempo. Sinais que anuncian un final e inducen a afinar a mirada ante o mundo, ante a arte que o reproduce e o cuestiona.

Vilariño, que apela á soidade do artista, á melancolía como motor da creación, non esquece, porén, a dimensión comunitaria do mundo. A súa arte tamén é unha chamada a recobrar a memoria e a linguaxe da tribo, os códigos antigos que interpretaban o cosmos e nos situaban na súa infinitude. De aí as múltiples alusións a rituais e mitoloxías milenarias: a seda de cabalo da serra do Forgoselo, a cúrcuma hindú disposta como nun túmulo, as cabezas fragmentadas de civilizacións orientais. 

O silencio, a paisaxe, as aves e os seus cantos, o paso do tempo... O vocabulario da obra de Vilariño, as súas imaxes sutiles ao tempo que poderosas, propoñen un refuxio -e unha estratexia- ante a banalidade da sociedade contemporánea, afogada por un tsunami de imaxes sen profundidade. 

A singularidade desta instalación está, talvez, en trasladar esa ollada que busca o esencial cara as obras que rodean as propias, na resignificación dunha Historia da Arte que, igual que a Natureza á que pertencemos, está buscando outra forma de ser mirada, de ser entendida. 

"Temos que apresurarnos se aínda queremos ver algo, todo desaparece", escribiu Cézanne. After the Whale conduce a nosa ollada de xeito que aínda poidamos descubrir o inesperado, unha realidade posíbel na que aínda non repararamos.

Unha intervención para conmemorar o centenario do Museo de Belas Artes

Comisariada polo crítico de arte Fernando Castro Flórez, After the whale. Un diálogo co museo inscríbese dentro das actividades coas que o Museo de Belas Artes da Coruña celebra o seu centenario. Nun futuro próximo, publicarase un catálogo que dará conta do diálogo da colección do museo coas obras de Manuel Vilariño, no que se incluirán textos de do profesor e crítico Pedro Alberto Cruz e da teórica e crítica holandesa Mieke Bal.

Comentarios